FERROL360 | Mércores 18 setembro 2013 | 19:07
A A. VV. El Pilar, a través dun comunicado de prensa asinado polo seu presidente, Jesús Ignacio Caselas, solicita ao Concello de Ferrol «que paralice o proxecto e estude ubicacións alternativas» para o tanque de tormentas.
No comunicado, a entidade representativa do barrio ao que pertence o parque Pablo Iglesias -onde comezarán a construir o tanque antes de que finalice o mes de setembro-, deixa claro que a súa asociación «non ten negociado nada cos técnicos do Concello de Ferrol nin cos técnicos de Acuaes» e que polo tanto non teñen «acadado ningún compromiso co goberno múnicipal de Ferrol».
Esta aclaración por parte da entidade veciñal, xorde logo de que o Concello de Ferrol remitira onte un comunicado no que a portavoz da administracion local, Martina Aneiros, lembraba que «se concertaron varios encontros entre os técnicos do proxecto e os veciños co obxectivo de explicar e poñer en común esta actuación» e engadía que «acordouse, como mellora da proposta inicial, ampliar o parque cunha nova zona recreativa e de xogos infantís que se suma á xa existente no espazo».
Ese acordo co Concello si lle valeu á Asociación Veciñal de Esteiro para deixar de apoiar as protestas contra o tanque; xa que consideraron que as melloras que se conseguiron coa negociación garanten que non haberá ningún prexuízo para a cidadanía: «o tanque de tormentas do parque Pablo Iglesias de Esteiro é beneficioso para o conxunto da cidade e non crea prexuízo a particulares».
Dende El Pilar non se aceptou acordo ningún co Concello e aseguran que non entenden «como no caso da ‘Ranita’ foi posible a reubicación e no caso do parque de Pablo Iglesias o goberno municipal do Partido Popular manifesta que o «impacto será mínimo»»; eles seguen adiante coas súas iniciativas para salvar o parque e buscar unha ubicacion alternativa xa que defenden que «o que non vale para a ‘Ranita’ tampouco debería valer para o noso parque».
Pola súa banda, o Concello de Ferrol segue a insistir nesa mínima pegada que vai deixar o tanque e na importancia que ten para a cidade: «este equipamento medioambiental enmárcase na necesidade de completar o saneamento da zona urbana de Ferrol, o que permitirá a entrada en servizo da Estación Depuradora de Augas Residuais de Cabo Prioriño».
Debate sobre el post