Carme Romero: «Unha artista xera unha linguaxe e un universo propios, recoñecibles na súa obra»

Falamos con Carme Romero, ceramista, encargada da dirección do Museo de Esmelle dedicado á obra de Pérez Porto, do que ela é biógrafa e tamén restauradora
Carme Romero

ALICIA SEOANE | Xoves, 4 de setembro de 2025 | 11:45

Carme Romero leva máis de vinte anos dedicada á cerámica. Inspirada en lendas e mitos tradicionais, nos vínculos coa natureza e cos árbores, entre outros temas, o seu traballo bebe da técnica do seu mestre Francisco Pérez Porto, mais adaptada ao seu propio universo e linguaxe, o que a converte nunha ceramista cun estilo único e persoal. As súas pezas, nas que destacan as cabezas, son facilmente recoñecibles.

Carme Romero ten unha forma de entender a arte da cerámica como un diálogo constante entre a materia e o baleiro. A súa obra, que parte do oco para crear os volumes, está actualmente exposta no Pazo da Marquesa de San Sadurniño, nun proxecto conxunto coa cesteira Luísa da Silva.

Traballo en oco, do baleiro ao volume

Romero explica que a cerámica ten unha lóxica propia, distinta doutras disciplinas escultóricas:
«A cerámica trabállase en oco. O barro rodea o aire. Todo o contrario doutras esculturas macizas, onde é a materia a que envolve o baleiro. Aquí é o aire o que está dentro e a materia a que o rodea».

Ese aire, engade, convértese nun elemento estrutural: «Ese aire fai unha resistencia que, golpeando, non deixa que o barro se afunda. Podes facer volume e formas golpeando. Teño unha filosofía de traballo co espazo baleiro».

Para Romero, o baleiro non é ausencia, senón condición de existencia: «Aquí vexo que é o baleiro o que permite que exista unha forma. Todo o que metes cara dentro fai que outras partes saian cara fóra, e así conformas os volumes».

A traxectoria de Carme Romero non foi lineal. Comezou como perruqueira en Madrid, profesión que abandonou en 1999 coincidindo cunha excedencia e coa chegada da súa filla pequena. «Nunca máis volvín á perruquería. A cerámica fíxose o meu camiño», lembra.

A súa creatividade atopou primeiro espazo no barro traballado a man e, pouco a pouco, foi mergullándose nas técnicas básicas e no uso do forno. Hoxe recoñece que a súa experiencia como estilista tamén deixou pegada: «O cabelo converteuse nunha forma de expresión nas miñas pezas. Nalgúns traballos é o que leva o contido da cabeza, o que queremos contar».

Mulleres árbores e memoria da natureza

Un dos eixos fundamentais da súa obra é a relación coa natureza e, en particular, coas árbores. «Aquí en Galicia estamos a destrozar a nosa natureza. É unha mágoa como tratamos o bosque, porque hai cousas irreparables que os nosos fillos xa non van coñecer», advirte.

Desta preocupación xorde a serie das Mulleres árbores, inspirada tanto en lendas orientais coma na realidade galega: «Fixen pezas con mulleres que se amarraban ás árbores para evitar que as cortaran. Outras levan landras para simbolizar o carballo. É a miña maneira de poñer en valor esa natureza ameazada».

Mulleres sabias e tradición oral

Outro dos proxectos centrais do seu traballo é a recuperación da memoria das meigas, sabias e mulleres boas: «Hai moita documentación sobre curandeiros homes, pero moi pouca sobre as mulleres. E penso que había máis curandeiras e meciñeiras ca eles».

As súas esculturas funcionan como homenaxe a esas mulleres que gardaban o saber popular e acompañaban ás comunidades coa súa medicina tradicional.

A herdanza de Francisco Pérez Porto

Carme Romero recoñece en Francisco Pérez Porto un mestre fundamental. «É un xenio da cerámica. Non hai ninguén como el en Galicia, e diría que tampouco no mundo», asegura.

Coñeceu ao escultor en 2012 e asistiu a un curso seu en 2013. Daquela experiencia quedou marcada por unha técnica que lle abriu novas posibilidades: «Permitiume facer figuras máis grandes e desenvolver o meu traballo doutra maneira».

Romero reivindica tamén a necesidade de recuperar a Escola Municipal de Cerámica de Ferrol, deseñada polo propio Pérez Porto e hoxe en desuso: «Hai todo un material parado. Sería importante reabrila e poñela en valor co seu nome, para dar continuidade ao seu método de traballo».

A ceramista resume así a súa filosofía: «Non lle engado nada ás pezas. Vou sacando os volumes, golpeando, deixando que o baleiro faga o seu traballo. O baleiro é quen dá vida á forma».

A exposición conxunta

A exposición xunto á cesteira Luísa da Silva, que pode visitarse no Pazo da Marquesa de San Sadurniño ata o 31 de outubro, foi concibida como unha intervención conxunta: «As pezas son feitas cos dous materiais, onde cada unha das pezas vai contando a súa propia historia».

Posta en valor da arte e do artista

Para a ceramista ferrolá, é importante reivindicar o papel da arte e do artista, porque «agora estamos acostumadas a escoitar que calquera cousa que se faga dun xeito fermoso é unha arte». Romero, porén, subliña a importancia «de crear unha forma propia de expresión, un traballo que sexa capaz de conmover e de contar algo. Ser artista non é facer algo bonito. Vai máis alá do dominio da técnica ou da destreza».

Este discurso acompáñao nas visitas guiadas ao Museo Pérez Porto de Esmelle, onde diante dunha peza do escultor se detén uns intres para reflexionar e facer reflexionar sobre o papel do artista.

Restauradora do Monumento á Música de Francisco Pérez Porto

Carme Romero tamén foi a restauradora do Monumento á Música, obra de Francisco Pérez Porto situada no Cantón de Ferrol: «Na restauración estiven a traballar catro meses. É un monumento pouco recoñecido na cidade. A figura de Francisco Pérez Porto sería moito máis valorada en calquera outra parte, mais en Galicia aínda non ten o recoñecemento que merece o escultor e a súa obra».

O traballo de Romero consistiu en retirar o barniz deteriorado da peza orixinal, respectar a súa esencia, restaurar o monumento e refacer partes danadas. Hoxe a obra recuperou presenza no Cantón.

En cada peza de Carme Romero latexa unha mestura de identidade, memoria e reivindicación. O barro, o oco e o baleiro son as bases do seu traballo que, a través da súa mirada doce e comprometida, consegue crear un universo propio, colorido e vital, como a propia Carme que, aos sesenta anos, segue a ter a vitalidade e a paixón dunha muller nova.

 

Relacionadas