Ferror Records: «Levamos producido máis de 160 discos de artistas galegos, ese é o noso compromiso»

Falamos con Sergio Sequeiro e Fernando Fernández Rego no décimo aniversario do seu selo discográfico Ferror Records.
Ferror records

ALICIA SEOANE | Mércores, 8 de outubro de 2025 | 10:00

O selo discográfico ferrolán Ferror Records, impulsado por Sergio Sequeiro e Fernando Fernández Rego, cumpre dez anos de actividade. Unha década na que este proxecto nacido con vocación local se converteu nun auténtico referente para a música galega underground, con máis de 160 referencias editadas e unha demanda cada vez maior por parte de músicos, socios e público.

Estes dez anos de actividade ininterrompida ben se merecen unha gran festa de aniversario, que terá lugar no Centro Cívico de Canido, este domingo 12 de outubro a partir das 12:30 horas.

«Fixemos moito máis do que imaxinabamos ao nacer o proxecto», lembra Fernando Fernández Rego. «Non pensabamos que iamos ser capaces de pechar todo o círculo de produción dun disco. Agora podemos facelo todo: desde a gravación ata a distribución nas plataformas dixitais».

Esa autonomía foi clave na evolución do selo, que ademais conta cunha asociación cultural con máis de cen socios. Grazas a ela, Ferror Records puido expandirse máis alá do ámbito discográfico e adentrarse na organización de concertos, feiras do disco e exposicións, converténdose nun motor cultural activo na comarca.

Facer barrio dende a música

Un dos seus maiores logros é a consolidación do ciclo de concertos “Solpores en Canido”, que este ano cumpre cinco edicións. Máis de cen grupos pasaron xa por este evento de acceso libre, que conseguiu crear un espazo de encontro interxeracional e de convivencia veciñal a través da música. «É unha das cousas das que máis orgullosos estamos —explica Fernando—, porque demostra que a música independente pode ter un papel social, contribuíndo a facer barrio».

Ademais, a asociación promoveu exposicións como as dedicadas a Andrés Dobarro ou Ferrol Underground no Centro Torrente Ballester, así como diversas feiras do disco cunha grande acollida. «Estes dez anos foron moito máis alá da edición de discos», subliña Fernández Rego. «Conseguimos crear unha escena, visibilizala e darlle espazo».

Unha aposta polos artistas galegos

O compromiso do selo cos músicos galegos reflíctese no seu catálogo, con máis de 168 producións de artistas exclusivamente galegos. Entre eles, nomes como Los Eternos, Quant, Nüca, Zabala ou Todo el Largo Verano, todos eles con raíces en Ferrolterra. «Desde o principio quixemos apostar pola escena local —sinala Fernando—. Hai poucas discográficas en Galicia cun volume de traballo así, e todas as referencias son de aquí».

Un futuro fiel ao espírito orixinal

De cara á próxima década, Ferror Records mantén o mesmo propósito: seguir facendo as cousas ben, sen perder a liberdade creativa. «Queremos manter a calidade e o ritmo de traballo», afirma Fernández Rego. Entre os novos lanzamentos previstos figuran un novo disco de Chicharrón e outro de Zabala, ademais de varios vinilos xa en produción.

Aínda que tiveron a oportunidade de medrar como empresa, Fernando recoñece que iso suporía «perder parte da liberdade que fai único o selo». «Ferror non é un proxecto puramente económico —explica—. É unha iniciativa autoxestionada, onde tanto Sergio como eu producimos os discos que nos gustan e traballamos cos grupos que admiramos. Non nos dá unha rendibilidade económica, pero si unha gran satisfacción persoal e artística».

Un tándem que funciona

Ao longo destes dez anos, Sergio e Fernando formaron un equipo sólido e complementario. Sergio adoita centrarse máis na produción musical e na organización de eventos, mentres que Fernando se ocupa da distribución e dos procesos finais de edición. «Entendémonos moi ben, cada un respecta o espazo do outro e iso fai que o proxecto funcione», explica Fernando.

Pola súa banda, Sergio Sequeiro recoñece que mira cara ao futuro con ilusión, pero tamén con certa cautela: «Se miro cara adiante, gustaríame continuar como estamos. Os dous últimos anos tivemos moitísimo traballo, mamaiña, que me deixen como estou», bromea. «Medramos moito, e vemos que hai unha necesidade real na escena galega de que sigamos aí, facendo ese traballo de difusión e visibilización que tamén é necesario».

Entre os seus desexos para os próximos anos está o de levar o formato de concertos e eventos a outros lugares, ampliar a produción a grupos estatais e seguir coidando a identidade do selo. «Apétenos abrir a produción, pero sen perder o espírito co que nacemos», engade. «Temos moito traballo por diante… aínda que non sei se aguanto outros dez anos máis —ri—, que eu son máis vello ca Fernando e iso tamén se nota».

Máis alá do esforzo e das horas de dedicación, ambos coinciden en que a verdadeira ganancia está na recompensa emocional: ver o público gozar, os artistas medrar e a escena consolidarse. «O outro día, no concerto de Windowpane, que cumprían 30 anos, a xente estaba encantada —lembra Fernando—. Ese ambiente, esa felicidade colectiva, é a nosa maior recompensa». Saber que todo este traballo serviu para que a música galega underground teña o lugar que merece é, para os creadores de Ferror Records, a máxima compensación.

Relacionadas