FERROL 360 | Martes 21 de xaneiro de 2025 | 7:50
O Antigo Hospicio acollerá o vindeiro xoves 23 de xaneiro, ás 20:00 horas, un plenario comarcal de Queremos Galego, no que a plataforma de entidades en defensa da nosa lingua perfilará conxuntamente a gran manifestación nacional que terá lugar o 23 de febreiro, entre a Alameda de Santiago e a Praza do Obradoiro.
Todas as entidades e persoas que o desexen poden participar nestes plenarios para avaliar a situación da nosa lingua, así como na definición das accións a realizar partindo da proposta de puntos mínimos e medidas urxentes exposta en novembro por Queremos Galego.
O coordinador do encontro, Francisco Xabier Gil Vázquez, lembra que «os datos de uso e coñecemento do galego que ofrece o IGE evidencian o estado de emerxencia lingüística extrema ao que chegamos». Tamén que «cada vez que a sociedade galega se activou pola súa lingua, conseguiu frear a perda de falantes».
«Non podemos ter ningunha confianza», lamenta Xabier Gil, «nun goberno da Xunta que leva 15 anos actuando contra acordos alcanzados por unanimidade e que contaron cunha gran participación social, e ao que lle parece excesivo o 1% de galego nas plataformas de TV, xustiza ou xoguetes».
«Un goberno da Xunta», engade, «que fala de pacto pola lingua, pero non só non contestou as solicitudes de encontro, senón que xa está propoñendo o uso do castelán na TVG e a eliminación do dereito á atención en galego, permitindo o seu descoñecemento polo persoal interino».
Se cremos que coa implicación da sociedade é posible reverter a situación do galego, conclúe Xabier Gil. «Comezar a facelo é o que pretendemos con este plenario comarcal ao que invitamos a todas as entidades e persoas que queiran darlle un novo impulso ao galego».