FERROL360 | Miércoles 19 de febrero de 2025 | 9:48
Marta Grandal, presidenta do Club de Rugby Ferrol, acompañada por Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, denunciaron a lamentábel situación na que se atopan as instalacións municipais da Malata onde desenvolve a súa actividade este club e reclamaron ao goberno local que proceda a actuar de xeito inmediato e arranxe o campo que fai as funcións de campo de rugby municipal.
Marta Grandal, presidenta do Rugby Ferrol, denunciou o estado de abandono deste campo no que adestran e xogan todas as categorías dun club que conta con xoagadores/as desde os 6 anos até o equipo senior e que compiten en todas as ligas da federación galega.
Grandal indicou que «o estado do campo é pésimo, está cheo de fochancas e lembrou que é un campo no que desde o 2015 só se lle botou un pouco de area como único mantemento». Advertiu do grave risco de lesións que isto conleva e que o club só ten promesas desde o ano 2015 de melloras do mesmo pero o concello nunca chega a desenvolver esas melloras, ou a promesa dun campo novo que tampouco se desenvolveu.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, afirmou, «a situación contrasta coa actitude do goberno local e dun alcalde que leva máis dun ano e medio falándonos dunha cidade do deporte da que escasamente temos unha idea e mentres os clubes da cidade están a denunciar permanentemente problemas para poder desenvolver as súas actividades».
A reparación do campo de rugby está valorada en 40.000 € e descoñecemos se ao dia de hoxe o goberno local conta coa dotación orzamentaria para a súa execución.
Rivas instou ao goberno local a abandonar a política de apariencias e comezar a resolver os problemas da veciñanza, e engadiu, «todos e todas sabemos que a cidade do deporte é un proxecto que non se vai desenvolver neste mandato, que carece de proxectos construtivos e que precisa de moito debate e non pode servir como escusa para que as instalacións deportivas da cidade e os clubes permanezan no esquecemento durante os 4 anos do mandato».