Publicidad

Moeche celebra o Entroido coa tradicional queima do Meco

A Festa será na Nave do Mercado o 4 de marzo, martes de Entroido

FERROL360 | Lunes 24 de febrero de 2025 | 11:30

Chega o Entroido a Moeche, son datas de bromas e brincadeiras, de se vestir do que non somos e xutarnos para rir, bailar, comer e pasalo ben. En Moeche, como no conxunto da comarca, é unha festa con moi boa acollida, na que maiores , nenas e nenos gozan.
Este ano, como non podía ser doutro xeito, o Concello organiza a tradicional festa na nave do Mercado o martes 4 de marzo, festivo local.
O Entroido no concello de Moeche ten a forza que lle dan as entidades veciñais, o Concello e no seu inicio o CEIP San Ramón que durante a semana previa programa activiades en torno á tradición do Entroido, comezan con varias actividades para o alumnado que os leva a vivir e coñecer o sentido do Entroido; ademais confeccionan disfraces e organizando comparsas por cursos que desfilarán no centro de ensino e que mesmo se achegan ao Concello.  O carnaval escolar culminará, coma todos os anos, coa tradicional queima do Meco. E logo comezan as vacacións e entramos de cheo no Entroido.

Festa do Entroido na Nave do Mercado

A Nave do Mercado de San Ramón no seu día grande, o 4 de marzo, Martes de Entroido, acollerá a festa que a Concellería de Cultura de Moeche ten preparada. Nesa xornada (festivo local) haberá obradoiros, xogos, inchables, música e concurso de disfraces con premios nas categorías infantil, adulta e grupos. Comezará ás 17:00h e tamén se servirá chocolate con churros para a rapazada.

Concurso de disfraces
Para participar no concurso de disfraces, que empezará a partir das 18:30h, será necesario facer unha inscrición previa ese día na propia nave.

Establécense dúas categorías, infantil – ata os 12 anos- e adultos – maiores de 12 anos- e dúas modalidades en cada categoría, individual e grupal- .Debe haber un mínimo de 3 participantes ou grupos en cada categoría e modalidade para poder realizar o concurso. E  tamén haberá premios en cada modalidade e categoría.

A categoría infantil , na modalidade individual establécese como agasallo unha cesta, e na modalidade grupal, un vale de 50€ para unha merenda e petiscos nun dos locais de hostalaría que se indicarán.

E na categoría de adultos, a persoa gañadora na modalidade individual recibirá un vale de 50€ para consumir nalgún negocio local entre os que se indiquen, e o grupo gañador na modalidade grupal, obterá un vale de 100€ para gastar nun local de hostalaría. No caso de que o xurado o considere necesario, poderanse outorgar  accésits nas distintas modalidades.

Xantar, baile e disfraces en San Xurxo e Labacengos

Días grandes do Entroido modestino serán tamén o sábado 1 e o sabado 8 de marzo coas dúas citas que nos teñen preparadas as asociacións veciñais Val de Moeche e Labacengos.

En San Xurxo a AVCR Val de Moeche ofrécenos un cocido que se servirá o 1 de marzo, sábado, no local social do Pereiro a partir das 14:00h. O menú leva sopa, cocido, sobremesas típicas, pan, bebida e licores ao prezo de 20€ as persoas socias e 25€ as non socias. Desde a entidade indican que tamén terán animación musical a cargo de Alberto Bellón. Haberá que anotarse antes do 25 de febreiro chamando ao 622 916 960.

E o sábado seguintes, o 8 de marzo, é a A.VV. de Labacengos quen celebra a súa festa de Entroido. O xantar comezará ás 14:30h no local social do Ventoeiro. Tamén terán música e un concurso de disfraces a partir das 17:00h con premios para o mellor disfrace infantil e adulto.