Betula: «A nosa ganancia é conservar o bosque para as xeracións futuras»

No Día Mundial do Medioambiente falamos coa Asociación de custodia do Bosque Atlántico e puxémonos un reto chegar aos 500 socios
Betula Asociacion para la custodia del territorio-2

ALICIA SEOANE | Xoves 5 de xuño de 2025 |10:46

 A Asociación pola custodia do Bosque Atlántico, Betula ten un pequeno local cedido polo Concello de Fene na parroquia de Maniños, entre castiñeiros e flores. Alí reúnese.  A propia asociación leva o nome latino da árbore do bidueiro.

Betula naceu  hai 12 anos, alá polo ano 2012, cando un grupo de homes e mulleres tomaron conciencia da necesidade de protexer o bosque atlántico autóctono. Persoas que xa tiñan unha sensibilidade especial pola natureza e a nosa biodiversidade. Entre eles atopábanse Pedro Cruzado Díaz e tamén César Martínez Yañez. O primeiro traballara durante anos na provincia de Álava como técnico de Agricultura e Montes; o segundo foi mestre sensibilizado nos temas ambientais.

Hoxe, Día Mundial do Medio Ambiente, achegámonos a Betula para coñecer máis de preto esta asociación e falar con algúns dos seus fundadores, pero tamén con outras persoas que foron chegando despois.

ALICIA SEOANE._  Como foron os inicios de Betula, en que momento xorde facer unha Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico?

CÉSAR MARTÍNEZ YAÑEZ ._ Cando comezamos a xuntarnos foi previamente ao ano 2012, cando se deron os problemas cos residuos asfálticos dos holandeses. Este tema foi moi polémico, porque se distribuíron en espazos sen control ningún; uns residuos que resulta que eran contaminantes e canceríxenos. Nese momento acumulouse media montaña de residuos preto de Vilar do Colo, e isto provocou unha grande alarma social.

Nese momento coordinámonos para comezar a organizarnos, e tomamos conciencia da importancia de protexer o noso territorio. Ademais, as plantacións masivas de eucalipto estaban a espallarse de forma descontrolada, e o bosque atlántico comezou a atoparse en perigo de desaparecer. Por iso xurdiu Betula, por pura necesidade.

A.S._  Como foron eses primeiros anos?

PEDRO CRUZADO DÍAZ._ Todo se foi dando de xeito moi natural. Cadrou que unha muller xa maior nos fixo unha doazón duns terreos que tiña preto de Caaveiro, e isto foi un pouco o efecto chamada a que outras persoas nos coñeceran.

Houbo persoas que foron claves para a Asociación, entre elas dous homes, Rafael e Nemesio Alvariño Espiñeira, ambos xa morreron, pero eran boas persoas e fixeron moito por Betula.

Estes dous homes puxéronnos en contacto con outros propietarios que tamén querían vender as terras. Axiña chegamos a conseguir 7 hectáreas na zona das Fragas do Eume. Moitas terras tiñan perigo porque estaban en zonas achegadas a plantacións de eucaliptos, entón tivemos que actuar rapidamente para conservar o terreo.

Pouco tempo despois puidemos quedar con 4 hectáreas de eucaliptais abandonados, e puidemos limpalas e protexer esa área.

A.S._  Cantas hectáreas tedes neste momento?

P.C.D._ Neste momento temos unhas 21 hectáreas en propiedade; 18 son dentro do parque das Fragas do Eume e as outras fóra. Temos terreos en Montefaro, Mugardos, Ares, e… (queda pensativo; aos seus 82 anos ten unha memoria de ferro)  na Estrada, que tamén nos fixeron outra doazón.

Ademais, contamos con 305 hectáreas en custodia, co obxectivo de poder chegar ás mil.

 Unha gran parte destes terreos en custodia son de montes comunais, cos que temos convenios por dez anos. Temos terreos nos Montes do Cha e en Sillobre, e outros de propietarios particulares en Vilalba, Cedeira, Neda, Ares e Mugardos.

O que si, nós xa non estamos a mercar terreos dentro das Fragas do Eume porque, ademais, moitos veciños confundiron a nosa asociación con outra privada que tamén se puxo o nome de custodia do territorio. Pero é importante que non se mesturen as cousas, xa que nós traballamos de xeito altruísta e a outra asociación ten fins privados.

Tamén temos uns convenios de colaboración coa Fundación Enrique Montoliu, un empresario valenciano que se dedica a mercar terreos e protexer as especies naturais de xeito altruísta. FUNDEM chámase a fundación, que mercou terreos e fixemos convenios con ela non só de custodia, senón tamén da xestión, durante 40 anos.

A.S._  Cales son os vosos fins?

César M. Y._ Como diciamos antes, os nosos fins son de conservación, restauración e custodia do territorio, sen ánimo de lucro. Cando nós mercamos terreos, estes están mercados con fins de conservación a perpetuidade, e se a asociación se extinguise estas terras pasarían a doarse a outras asociacións de custodia da biodiversidade sen fins de lucro. De non haber ningunha, entón serían públicos e con obriga de custodia por parte da Xunta de Galicia.

Nós facemos este traballo sen ánimo de lucrarnos. Cando un coida o seu bosque, faino para os que virán detrás; polo que sempre é un acto de coidado colectivo que ten un valor patrimonial, tamén etnográfico, e mesmo cultural. Pero isto é difícil transmitirllo á xente que xa vive noutros valores e nun mundo onde soamente se entende o beneficio propio.

A.S._  Contádeme un pouco que labores se fan dentro do traballo da custodia do territorio?

 Luisa Montero Pazos._ Os traballos que facemos ao custodiar estes bosques son de diagnosticar, ver se precisan intervencións, en que estado se atopan e se precisan ser rexenerados ou mellorados. Ás veces temos que sacar especies invasoras como no caso do Eucalipto; outras temos que arranxar silveiras ou limpar partes do terreo.

O importante é vixiar eses terreos, favorecendo a rexeneración natural das especies e plantando se fai falla con especies autóctonas.

A.S._  Que necesiadades actuais vos atopades en Betula?

 Luísa.M.P._ Agora mesmo sucede o mesmo que en moitas asociacións, é difícil atopar relevo xeracional ( Luísa é das máis novas da directiva, ademais e bióloga, e traballa na asociación por compromiso coa biodiversidade de forma altruísta. Tamén é nai de dous mozos).

Tamén boto en falta máis presenza de mulleres na directiva. Este traballo de protección do monte está moito máis asociado aos homes pola enerxía e o traballo físico que require o manexo de maquinaria quizais….

Pedro.C.D._ Aínda que tivemos unha muller en administración que botou anos con nós e estaba moi entregada e interesada por todo e que se propoñía desde a asociación. Chamábase Cristina, e foi un dez a verdade… (lembra Pedro)

André Santalla, responsable de contas e eventos._ A verdade é que nestes momentos estamos a facer campaña para ter maior presenza no territorio; precisamos tamén máis apoios para afrontar novos retos.

Agora estamos buscando máis socios. As nosas contribucións son a prezos asequibles, 20 ou 35 euros anuais, e con iso nós podemos facer fronte para mercar sementes, maquinaria…; ou mesmo pagar as comidas dos colaboradores que veñen botar unha man, como é o caso das Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia, por exemplo, que son tamén colaboradores da asociación.

 

A.S._ Estades a crear novas sinerxías con outras asociacións do territorio que traballen de forma homóloga , polo que comentades desas colaboracións…

 André Santalla: Agora mesmo estamos a colaborar con máis organizacións que traballan no mesmo eixo da conservación da biodiversidade, por exemplo con  Euroeume, que é como unha asociación de asociacións que traballan conxuntamente, e nós alí levamos digamos a pata medioambiental.

Luísa.M.P._ Temos tamén asociacións que nos botan unha man e nos dan un pouco de apoio para atopar financiación, como é o caso do grupo naturalista Habitat de A Coruña, que doa parte do que eles cobran nas súas formacións a nosa asociación As sinerxías son boas e o intercambio de información é moi positivo; son un modelo de funcionamento a seguir para facernos sostibles no tempo como organización.

A realidade é que nestes momentos temos moito que agradecer, desde a Greenpeace, que nos doou 6.000 euros, ata outras asociacións coas que mantemos boas relacións e compartimos obxectivos e filosofía, como a de Fragas do Mandeo.

Facer ese tecido no territorio é parte do noso traballo actual. Consideramos importante traballar conxuntamente e darnos a coñecer. Por nomear outras asociacións colaboradoras, á parte de o Concello de Fene que nos cede o local, temos moitas coas que imos da man: a Sociedade Galega de Historia Natural, a Sociedade Galega de Custodia do Territorio, a Federación Ecoloxista Galega

(Luisa queda pensando). Seguro que nos esquecemos de citar a alguén (faise un silencio amenizado polo chiar dos paxariños) … Si, esquecía os nosos veciños cos que compartimos local: a Sociedade Micolóxica Viriato. E…. tampouco podemos esquecernos de Leandro Lamas o artista que nos fai os deseños de todo o merchandaising (bolsas, as camisetas…) A verdade é que estamos moi agradecidos do apoio que moita xente nos dá por crer no noso proxecto. Por certo, tamén temos á venda camisolas, bolsas, suadoiros, etc.,  para recadar fondos.

Co chiar dos paxaros e os raios de sol da mañá, a conversa vainos levando por novos camiños. A necesidade de regular o sector do eucalipto, a realidade do cultivo ecolóxico, as terras agrarias, o problema do minifundio e o parcelamento do territorio en Galicia… Conversas que van e veñen, cun novo obxectivo: conseguir que Betula chege aos 500 socios para festexar con eles unha nova etapa nun día importante no que falar da nosa biodiversidade, ás veces tan esquecida e mal coidada.