FERROL360 | Martes 17 de junio de 2025 | 13:16
A Asociación Cultural Vai Rañala Meu!, en colaboración coa A.VV. Rosa dos Ventos de Sedes, organiza unha nova edición do tradicional ‘S. Xoán de Cedo Sedes’, que terá lugar o venres 20 de xuño no Centro Cívico Social de Sedes. Unha cita xa clásica no calendario da parroquia que celebra o San Xoán cun marcado carácter cultural e festivo.
A xornada comezará ás 18:00 horas cun obradoiro de xogos populares, pensado para que tanto maiores como pequenos poidan gozar dos entretementos de antano. A música tradicional tomará o relevo a partir das 20:30 horas, coa actuación da recoñecida Banda de Gaitas do Ortegal, que abrirá o programa musical.
Ás 21:00 horas dará comezo a esperada churrascada popular, cun prezo de 10 euros por ración, que incluirá churrasco, cachelos, medio chourizo roxo e medio criollo.
Como broche de ouro á festa, ás 22:00 horas actuará o grupo folk Os Carecos, que presentará en exclusiva o seu novo traballo discográfico Foula.
A celebración culminará co prendido da tradicional lumeirada de San Xoán, un dos momentos máis máxicos e simbólicos da noite.
O evento está organizado pola Asociación Cultural Vai Rañala Meu! e a A.VV. Rosa dos Ventos de Sedes, contando coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña.