Publicidad

O IES Concepción Arenal súmase ao proxecto de dinamización lingüística «Aquí tamén se fala» coa lectura do manifestó Ferrolán

FERROL360 | Jueves 25 de abril 2024 | 8:07

O IES Concepción Arenal de Ferrol organiza este xoves 25 de abril ás 12.10h a lectura pública do manifesto elaborado para reivindicar a longa tradición galeguista da cidade departamental. Máis de trinta grupos de alumnos e alumnas vanse activar estes días de xeito voluntario para van distribuír os carteis específicos polos comercios de Ferrol. O obxectivo: visibilizar a presenza da nosa lingua no ámbito urbano. Porque en Ferrol tamén se fala.

Compartimos o manifesto:

En Ferrol tamén se fala!

Ferrolán era Fernando Esquío, un dos máis célebres trobadores que amaba as aves das ribas do lago. Ferrolán, Roi Xordo, o mítico líder da Revolta Irmandiña. En Ferrol apareceu o último testemuño da lírica medieval, o cancioneiro de Afonso Paez, e no Ferrol da Ilustración compúxose o romance da urca de Santo Antón.

Ferrolán era Benito Vicetto, organizador dos primeiros Xogos Florais de Galiza que inauguran o Rexurdimento. Alí tamén participa Alberto Camino. Ferrolán, Fontenla Leal, impulsor da Real Academia Galega e da creación do hinmo galego. Ferrolán, quen realiza a primeira grabación íntegra, o coro Toxos e Froles.

Ferrolán, Rodrigo Sanz que promove o sindicalismo agrario. Para reivindicar a dignidade labrega, emprega en 1908 por primeira vez o galego nun acto público en Serantes. Axiña arraiga na cidade o entusiasmo pola lingua e fúndase a Irmandade da Fala. 

Xaime Quintanilla e os seus compañeiros interveñen en todos os ámbitos: xornalismo, literatura, música, teatro, pintura… A primeira editora en galego, Céltiga de Ferrol. A obra máis representada no primeiro terzo do século XX, Mal de moitos dos ferroláns Charlón e Hermida. Tamén de aquí Camilo Díaz Baliño, o máis importante escenógrafo da época.

Ferrolán, Carvalho Calero, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura galega da Universidade de Santiago. Ademais, publica Xente da Barreira, a primeira novela en galego despois do golpe de Estado do 36.  Alumna del, a veciña de Canido, Xohana Torres, que desde o feminismo renovou todos os xéneros literarios. Ela deixou ben claro que as mulleres tamén van navegar.

Ferrolán, Andrés do Barro que chega a ser número un nos 40 Principais cantando en galego durante o franquismo. Ferroláns, Os Cempés que converteron o “Sara, Sara, Sariña” na banda sonora dunha xeración e os Blood Filloas que impulsaron con “Superheroe” o Xabarín Club. 

Hoxe a caranceira Xiana Lastra enche de ritmo os palcos coa marabillosa Banda da Loba. Ferrolán, Xaquín Marín, o principal impulsor da banda deseñada galega.

Ferroláns, ferrolás: Guerra da Cal, Xavier Alcalá, Francisco Rodríguez, Xaquín Campo, Luma Gómez, Antón Cortizas, Ánxela Loureiro, Henrique Dacosta, Rosa Aneiros, Chelo Loureiro, Alfonso Tellado, Mabel Rivera, Teté Delgado, Gomez Noya, Alberte Momán, Mario Regueira, Iolanda Muíños, Artábria, Medulio, a Semana de Poesía Salvaxe, Ghazafellos…

Ferrol é unha factoría de amor pola lingua. Sen vergoña, sen medo.

Aquí tamén se fala!