Publicidad

O ciclo de conferencia «Al Norte» trae a Arrokabe Arquitectos ao COAG de Ferrol

FERROL360 | Martes 14 de mayo 2024 | 7:55

A Delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) continuará este mes coa celebración da  segunda edición do ciclo de conferencias AL NORTE. Con este actividade, a Delegación quere compartir o traballo que están a realizar diferentes arquitectos ao longo da xeografía galega ou noutras comunidades autónomas, analizando distintos proxectos de diversas escalas de actuación.

A terceira conferencia deste ciclo celebrarase o mércores, 15 de maio, ás 19:15 horas na sala de exposicións da Delegación (Avenida de Esteiro 129, baixo. Ferrol). Intervirá o estudio ARROKABE Arquitectos, composto polos arquitectos e irmáns santiagueses Óscar e Iván Andrés Quintela, que falarán dalgúns dos seus últimos proxectos, como a Casa Panchés en Carnota, a Casa do Taberneiro na rúa de San Pedro en Santiago de Compostela, o miradoiro da Abadía da Cova no Saviñao (Lugo), a Casa do Olvido na tamén chamada rúa do Olvido en Santiago, a Casa Pris na rúa Santiago en Vigo e outras obras, todas elas cun grande recoñecemento profesional.

O traballo da oficina parte dunha especial atención á preexistencia, material e cultural, busca construír unha linguaxe sobre o concreto e profunda na capacidade expresiva os materiais e as técnicas construtivas axeitadas e idóneas. Especializáronse en rehabilitación, arquitectura en madeira e eficiencia enerxética.

Ao finalizar a conferencia terá lugar un coloquio, pechando a xornada cun aperitivo que permitirá continuar a charla de forma distendida. A asistencia é libre e gratuíta, sendo recomendable a inscrición previa no seguinte ENLACE.