Publicidad

Fuxan os ventos celebra este mércores en Ferrol o seu 50º aniversario

FERROL360 | Martes 14 maio 2024 | 12:45

Ferrol vístese de gala para conmemorar os 50 anos de traxectoria do emblemático grupo Fuxan os Ventos, un referente da música tradicional galega que soubo poñer melodía á poesía e á vida cotiá da nosa Comunidade. Este evento tan especial terá lugar este mércores 15 de maio ás 19:00 horas no edificio do Antigo Hospicio Municipal, situado na Rúa Méndez Núñez, número 11. A presentación do libro “50 aniversario Fuxan os Ventos. Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío” de Mero Iglesias, será o centro da celebración. Este traballo recolle non só a historia do grupo, senón tamén anécdotas e reflexións profundas sobre o seu impacto na música e na cultura do país.

O evento contará coa presenza de destacadas personalidades que acompañaron á banda ao longo da súa traxectoria. Bernardo Máiz, historiador, ofrecerá unha visión enriquecedora sobre o contexto histórico da música de Fuxan os Ventos; Xoán Rubia, músico e cantor, profundizará na evolución musical do grupo; e Xulio Xiz, xornalista, achegará a súa visión sobre a influencia mediática e cultural da banda. Ademais, a velada verase engalanada coa actuación do grupo de gaitas «O lado escuro«, que interpretará algunhas das súas pezas máis emblemáticas, prometendo un percorrido emocional polo legado musical que a banda deixou tras medio século de carreira.