Ferrol360 | Mércores 5 xuño 2024 | 7:30
Este xoves 6 de xuño, ás 19:30 horas no salón de actos do Ateneo Ferrolán, celebrarase a cuarta conferencia do ciclo AL NORTE, da Delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organizada en colaboración co Ateneo Ferrolán. Con este actividade, a Delegación quere compartir o traballo que están a realizar diferentes arquitectos ao longo da xeografía galega ou noutras comunidades autónomas, analizando distintos proxectos de diversas escalas de actuación.
O arquitecto de orixe valisoletana, Óscar Miguel Ares, do estudio Contextos de Arquitectura e Urbanismo, ofrecerá a conferencia titulada «Resistencias». Falará de diferentes proxectos arquitectónicos realizados nos últimos ano, como a Casa Consistorial de Valverde de Campos (Valladolid), a Casa de Comidas en Castromonte (Valladolid), as piscinas municipales en Castromonte (Valladolid), a Residencia Aldeamayor (Valladolid) e Cortes Metalúrgicos Oviedo no Polígono de San Cristóbal (Valladolid).
Ao finalizar a conferencia terá lugar un coloquio, pechando a xornada cun aperitivo que permitirá continuar a charla de forma distendida. A asistencia é libre e gratuíta, sendo recomendable a inscrición previa no seguinte enlace.
Quen é Óscar Miguel Ares?
Óscar Miguel Ares obtivo o título de Arquitecto en 1998. En 2010 consegue o título de Doutor. É profesor de proxectos na ETS de Arquitectura de Valladolid, e dende marzo de 2012 exerce o seu labor profesional en solitario baixo a marca «Contextos de Arquitectura e Urbanismo».
Como arquitecto gañou diversos concursos sendo a súa obra premiada na XIV BEAU; tivo obra exposta no Pavillón de España da XII Biennale di Venezia; foi seleccionado e exposto na XI Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo de Paraguai e XII Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo na Cidade de México. Dispón de máis dunha decena de premios e mencións nos Premios de Arquitectura de Castela e León, así como nos Premios de Construción Sostible de Castela e León, entre outros.
As súas obras foron publicadas en numerosas revistas nacionais e internacionais, e a revista TC Cuadernos, dedicou un monográfico da súa obra, titulado «Óscar Miguel Ares. Arquitectura 2012-2022».
Ares foi director, xunto a Anna e Eugeni Bach, da XV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, «España Vacía / España Llena; estrategias de conciliación», formando parte dos distintos xurados das categorías premiadas.