Publicidad

A Praza do Himno Galego acolle os actos do Día de Galicia

O acto institucional celebrouse hoxe cunha ofrenda floral no monumento a Xosé Fontenla Leal e coa música do Real Coro Toxos e Froles

FERROL360 | Lunes 22 de julio de 2024 | 14:03

A Praza do Himno Galego, en Esteiro, acolleu hoxe o acto institucional conmemorativo do Día de Galicia. Alí realizouse a tradicional ofrenda floral no monumento a Xosé Fontenla Leal.

O acto estivo presidido polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e contou coa asistencia da corporación municipal e representantes de diferentes entidades da cidade.

Durante o acto, o rexedor lembrou a figura de Fontenla Leal, personaxe crave na creación da Real Academia Galega e divulgador incansable da cultura galega desde Cuba, país ao que emigrou xunto aos seus pais.

Nas súas palabras tamén lembrou a outro ilustre ferrolán, Gonzalo Torrente Ballester, a quen o Concello está a dedicar este ano 2024 no 25 aniversario do seu falecemento. Ricardo Carvalho Calero foi outro dos personaxes mencionados polo alcalde durante o seu discurso, no que exaltou os elementos diferenciadores da terra galega, como a lingua, a música, a arte ou o folclore, así como aqueles singulares da cidade departamental, como o Real Coro Toxos e Froles, que puxo música ao acto.

O alcalde da cidade tamén reivindicou o galeguismo integrador «como fío condutor da defensa da nosa cultura e a nosa lingua», asegurando que «desde Ferrol defendemos unha Galicia plural na que todos cabemos» e finalizando a súa intervención desexando un feliz Día de Galicia a todos os presentes.