FERROL360 | Viernes 6 de septiembre de 2024 | 9:41
Aquí vos deixamos as palabras de Xurxo Souto quen este sábado entonará o himno do peirao, dice así:
«Medre a festa Parrocheira, Curuxeiras é un clamor
Medre a festa Parrocheira, porque aquí naceu Ferrol !»
Ferrol Vello, na dársena de Curuxeiras. Eis a orixe da cidade. A que foi a gran estación do mar, onde atracaban, cargadas de obreiros as lanchas do Seixo, de Maniños, de Mugardos… Sobre o propio peirao, a igrexa do Socorro, onde se garda a imaxe da Virxe Parrocheira. Segundo a tradición, o alcume procede das traballadoras do mar, as «parrocheiras», as vendedoras de peixe que fixeran colecta para lle comprar un manto.
Cun respecto absoluto para as crenzas de cadaquén, pode haber outro epíteto máis propio para referise á Virxe? Ademais do xogo de polisemias que a palabra «parrocha» permite en galego -xogo que en todo caso resalta e pondera o principio feminino-, a identificación da Virxe coa fecundidade do mar resulta sinxelamente marabillosa: un alimento humilde e doméstico que ascende á categoría de celestial.
Un entorno tan fermoso sempre foi abeiro de moita festa. Todo Ferrol acudía ao vello «muelle» a gastar pista. Había procesión marítima. E pola noite a Trébol, a Lamas-La Piña, ou a Bellas-Farto, enchían de música ría.
Nos tempos de antes o promotor da festa era o señor Beceiro, propietario da fábrica de xabón. O palco tiña forma de barco. Había para a rapazada un concurso de disfraces con traxes de papel.
Na apoteose da alegría, o ritual incluía tirar algunha amizade á auga. Algunha vez tamén o cura foi ao mar.
Dende a construción da Ponte das Pías, Curuxeiras deixou de ser o punto de encontro dos habitantes das dúas bandas da ría.
Ferrol Vello viviu anos de lento esmorecemento. Pechou a «fábrica de lápices» e a «Pysbe», a gran factoría do bacallou de Terranova. A eclosión de vida das rúas foi sendo substituída progresivamente polo abandono.
Mais a propia veciñanza decidiu rebelarse contra este escuro destino. Velaí o meu amigo Emilio, (fillo de Milín, sabio dos mares de Terranova e Curuxeiras) que, cun fato de amizades da infancia, decidiron recuperar a súa festa. Dende hai uns anos a alegría de Ferrol Vello está a iluminar a ría toda. Revolución das cousas bonitas. Medre a festa Parrocheira!
Con estas palabras só pdemos esperar que comece a Festa!
Deixámosvos o himno de Ferrol Vello:
https://www.facebook.com/laura.rabizal/videos/483606227792071