FERROL360 | Domingo 6 febreiro 2022 | 18:39
O Concello de San Sadurniño levou a cabo unha pequena intervención no punto máis alto do seu territorio, situado en Racamonde (542 metros). A carón do vértice xeodésico instalou unhas novas escadas de madeira, unha varanda e elementos que permiten descubrir o entorno do Forgoselo e toda a paisaxe que se divisa.
Tamén se dotou ao mirador con información ambiental e patrimonial, con posibilidade de ampliala a través do móbil con código QR. O proxecto recibiu subvención de Turismo de Galicia, próxima aos 30.000 euros, cos que Concello financiou case na súa totalidade a renovación dos paneis e indicadores da ruta do Río Castro e a construcción da área de autocaravanas da Cortiña.
O responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, explicou que a idea xurdiu a raíz do interese por «facer algo» que permitise poñer en valor o punto máis elevado do concello e un dos referentes para as persoas amantes do aire libre: «Desde alí temos unha vista panorámica que abrangue arredor de 1.500 km² de territorio, o que converte ese sitio nun dos mellores miradoiros naturais de toda a provincia».