Publicidad

Ferrol: ou eólicos ou Patrimonio da Humanidade, alerta o BNG

FERROL360 | Sábado 26 febreiro 2022 | 19:21

O BNG advertiu no Parlamento galego do negativo impacto que terían sobre Ferrol os proxectos eólicos denominados Brión e Ferrol recollidos no Rexistro Eólico de Galiza. O deputado nacionalista de Ferrolterra, Mon Fernández, salientou que, ademais de poder estar incorrendo nun novo caso de división fraudulenta de proxectos, poñerían en risco a candidatura da cidade a Patrimonio da Humanidade.

Fernández alertou deste extremo na pregunta que fizo no marco na comisión parlamentaria de Industria, sinalando que «resulta máis que evidente a inadecuada situación dos parques, sobre todo tendo en conta a dimensión e altura dos muíños que, como indica a documentación da que dispoñemos, estaría entre os 200 e os 250 metros», localizados en zonas con diferentes graos de protección, entre as que destaca o LIC Costa Ártabra.

Logo de recalcar a concentración de patrimonio arqueolóxico, nomeadamente na zona de Brión, Fernández alertou do «brutal» impacto visual, por exemplo, desde a liña das praias de Doniños, San Xurxo, Santa Comba e Ponzos, mais tamén desde o propio núcleo urbano de Ferrol e mesmo desde o concello de Mugardos.

«Unha candidatura que por veces gaña notoriedade e impulso, como parece que está a acontecer actualmente e que, segundo algúns expertos sería, de todas as propostas galegas, a que máis posibilidades ten de conseguir a consideración de Patrimonio da Humanidade pola Unesco, mais que a todas luces sería totalmente incompatible co impacto que produciría a instalación deses parques», advertiu.

Lembrou que un dos motivos polos que fracasou a candidatura da Ribeira Sacra foi precisamente polo impacto, neste caso, das centrais hidráulicas naquel contorno. Fernández tamén subliñou que o feito de que ámbolos dous proxectos eólicos son da mesma empresa, se atopan nunha proximidade extrema e comparten punto de evacuación fai pensar «que esteamos de feito ante unha división fraudulenta dos proxectos».