FERROL360 | Luns 16 maio 2022 | 13:45
Adolescencia e saúde mental é o título da palestra que impartirá este mércores contra ás 19:30 horas a psiquiatra e divulgadora ferrolá Iria Veiga. A súa charla forma parte do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene e terá lugar na Casa da Cultura, con entrada libre, logo de que esta sesión tivera que cambiar de data.
Iria Veiga naceu en Ferrol en 1981 e é médica psiquiatra no Hospital do Barbanza. Ademais, asina o blogue O outro lado do espello e participa noutras iniciativas divulgadoras como Escépticos no Pub ou Pin of Science. Tamén é o 50 % do canal de Twitch de divulgación científica con perspectiva galega, Balea Vermella.
En 2017 gañou o premio a artigos xornalísticos do Concello de Carballo con Inchazón e en 2018 participou no LGx15 coa intervención Síndrome do Noroeste e tamén en Malas Linguas, un programa da Deputación da Coruña. Logo da palestra de Veiga, a derradeira cita do ciclo será con Xurxo Mariño, doutor en Bioloxía e profesor da UDC, o 1 de xuño con Unha mirada á evolución da linguaxe.