FERROL360 | Luns 25 xullo 2022 | 11:36
O Concello de Pontedeume informa do remate das obras de mellora e reforma do aparcadoiro que se atopa entre a ponte de Pedra e a antiga confraría de Pescadores. A actuación consistiu na renovación das beirarrúas ao carón do mar con lousas de granito, dando continuidade á estética do peirao, e na renovación do firme da zona de estacionamento redistribuíndo e optimizando o espazo.
Instaláronse tamén novos bancos e iluminación empotrada no chan, e mellorouse a zona verde. Así mesmo, procedeuse á retirada da antiga baranda que separaba este espazo da estrada, substituíndoa por unha xardiñeira de cantería na que se prantaron arbustos e flores.
O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, explica que «con esta actuación continuamos coa mellora da principal entrada á nosa vila». O rexedora apunta que na pasada lexislatura se procedeu á remodelación da rotonda e á retirada dos colectores subterráneos, así coma á instalación da lona solar da praza de España”.
Os traballos, que contaron cun orzamento de 100.000 euros, foron cofinanciados entre o Concello de Pontedeume e a Deputación da Coruña.