FERROL360 | Luns 17 maio 2021 | 12:07
O Concello de Narón lanza unha campaña de promoción dos negocios locais coa que busca recompensar a fidelidade da clientela e incentivar o consumo no comercio e hostalería da localidade. A iniciativa Grazas por elixirnos consiste nun gran sorteo de premios que terá lugar o vindeiro 31 de maio.
No marco desta campaña repartiranse entre os 80 negocios que se sumaron ao proxecto de dinamización #QuedaEnNeda un total de 16.000 boletos numerados. Eses boletos repartiranse entre as persoas que consumen ou contraten servizos profesionais nos locais asociados entre o 18 e o 26 de maio e poderán gañar media ducia de premios.
Haberá un sorteo de tres grandes cestas de produtos do comercio local e outras tantas de comidas ou ceas para dúas persoas nos restaurantes da vila. Os negocios que se sumen á campaña deberán colocar nun lugar ben visible o cartel identificativo da promoción.
O Concello informará a través das súas redes sociais e da páxina web municipal dos números correspondentes aos boletos premiados, tendo as persoas gañadoras que presentar o billete no prazo máximo de cinco días. En caso de non aparecer os premiados procederase a realizar un novo sorteo.
Con esta iniciativa o goberno local quere gratificar a aquelas persoas que confían de forma habitual nos negocios de Neda, sobre todo nun momento especialmente difícil por mor da COVID-19. Tamén se busca contribuír a reforzar as vendas e poñer un pequeno grao de area para axudarlles a captar novos públicos.
A campaña é unha das acción do proxecto ##QuedaEnNeda, activado polo Concello para dar a coñecer a oferta de negocios e profesionais do municipio. Nesta iniciativa participaron unha ducia de panaderías, todos os supermercados e tendas de alimentación, todos os establecementos de farmacias, medicina privada, fisioterapia e podoloxía.
Tamén se anotaron no proxecto todas as tendas de moda, electrodomésticos, agasallos e ata 17 establecementos de restauración e hostalería. Entre os negocios adheridos tamén figuran xestorías, talleres, produtores de agricultura ecolóxica ou servizos para mascotas, entre outros.