
RAÚL SALGADO | Ferrol | Sábado 26 xuño 2021 | 00:00
Fenés de 1970, Alberte Branco, con «Bertitxi» como nome de guerra, vén de completar «dous anos bastante prolíficos». Gañador do Mestre Mateo á mellor dirección de fotografía pola aclamada «Ons», tamén estivo nesas mesmas tarefas nas recoñecidas «Nación», de Margarita Ledo, e «Arima», de Jaione Camborda.
En pleno esplendor dunha nova senda no cine galego, rematou hai uns días outra rodaxe con Alfonso Zarauza, a súa quinta película xuntos. É «Malencolía» e permite confirmar que son «case como un matrimonio moi ben levado», apunta. Nesta ocasión, un filme cunha «ollada completamente diferente; unha peli de xénero, de terror».
A gravación levouse a cabo nas localidades do Irixo e O Carballiño, «moi distante paisaxisticamente» do que puidemos ver en «Ons». O título xa aporta pistas: «Hai algo moi melancólico dentro da película, case todos os personaxes veñen de Berlín escapando de algo». Iso si, «son galegos», elixen instalarse «nunha casa dunha aldea e pasan cousas con moita melancolía».

Por agora, non contamos máis. Branco afirma que non «estou afeito a facer xénero, sempre é unha responsabilidade moi importante». De feito, sostén que é «un xénero moi manido e sacar algo que interese aos espectadores parece complicado». Nesta ocasión, «un terror con parte de comedia, personaxes estraños» e incluso un «achegamento aos Coen».
Pode lembrar a «Fargo». Non hai aínda unha data para a estrea, «agora entra en montaxe e unha vez montada comezarán a traballar na distribución». Entre risas, di algo moi serio: estiveron traballando «a 37 graos no Carballiño cámara en man, que pesa o seu».
«Foron 3 semanas, é unha película de orzamento baixo; non permitía rodar máis tempo por unha cuestión económica, pero saíron cousas interesantes», remarca. Para «Bertitxi», o cine «é un oficio cheo dun conxunto de enerxías», as das «persoas que participan para sacar unha película adiante».

Un oficio que compara «cun carpinteiro ou un zapateiro; cantos máis zapatos fas, máis solucións tes para o seguinte proxecto». Porque, lembra, «podes estudar nunha escola de cine e está moi ben, pero o cine é oficio».
Labor constante cunha parada no camiño, o recente Mestre Mateo, «un premio que agrada moito» por haber «moita xente querida que xestiona a Academia e socios». Ver recoñecido «o teu traballo pola xente do teu mundo sempre é moi agradecido».
Fala dun ámbito laboral no que non abondan as envexas: «Hai cantidade de compañeiros que tamén o fan moi ben, aprendes moito deles». Por se hai dúbidas, di que non «é un oficio doado, menos en Galicia; é máis difícil que se fas vida en Madrid ou Barcelona, nas grandes cidades focalízase máis polo sistema que temos armado».

Nas capitais, tamén é certo, «hai máis competencia». «É un esforzo potente, pero unha aposta de vida tamén», engade. Son «Ons», «Nación» ou «Arima» títulos que Alberte Branco sitúa como «curiosos e impactantes; curtos, pero con moito peso e personalidade».
El procura «ver todos os filmes dos compañeiros que fan cine dende Galicia, intento sempre que podo ir aos festivais para ver eses filmes e gozalos en pantalla grande». Se non ten oportunidade, recorre a plataformas como Filmin, «as máis mediáticas xa sabe todo o mundo cales son».
Para «Bertitxi», eses colegas de sector «son amigos realmente, hai moi boa onda; ningún tipo de tensión entre nós a ver quen leva máis, axudámonos a seguir medrando». É dicir, se Lois Patiño, Jaione Camborda ou Óliver Laxe «levan un premio» nun «festival importante para nós é bo». Xa adquiren novas ideas cando poden «ver o seu cine e aprender del».

Como fenés, reitera «o fermosa que é» a súa comarca, na que bota en «falta que nos dean ese punch para arriba; ten moitas posibilidades, tamén para o audiovisual».
«É unha terra tanto a nivel urbano como paisaxístico dun nivel espectacular», di quen rodou por última vez na bisbarra durante a posta en marcha de «Os fenómenos». Afirma que lle «encantaría un proxecto no que me dixeran que a secuencia un é en Doniños ou no barrio da Madalena». Que ese soño sexa realidade pronto.