FERROL360 | Venres 7 febreiro 2020 | 10:11
Un ano máis, Narón celebra unha nova edición da Mostra da Camelia Cidade de Narón e do Concurso de Flor de Camelia Cidade de Narón. A primeira das proposta chega neste 2020 á súa décimo sexta edición e o concurso cumpre xa 12 anos.
A mostra desenvolverase no centro comercial Odeón nas xornadas do sábado e domingo. En total, está prevista a participación dunha treintena de cultivadores de de Narón e doutros concellos da comarca, así como tamén de Cantabria, Asturias, Lugo, A Coruña e, maioritariamente, de Pontevedra.
Na xornada do sábado pola mañá terá lugar a montaxe da mostra e a calificación dos lotes presentados ao concurso por parte do xurado. Ás 17.00 horas será a inauguración oficial da cita, que se abirá ao público coincidindo co acto de entrega de premios. Poderá visitarse ata as 20.00 horas.
O domingo a mostra permanecerá aberta entre as 11.00 e as 18.00 horas. Nesa xornada tamén haberá unha visita ao xardín de camelias dun dos socios fundadores da Asociación Galega da Camelia, Abelardo Seoane, e á finca de Manuel Pico, secretario da entidade.
En canto aos premios do certame, entregaranse á Mellor Camelia japónica, á Mellor Camelia reticulata, á Mellor especie de camelia, ó Mellor híbrido de Camelia, á Mellor flor miniatura, ó Mellor cultivador-expositor e á Mellor composición artística colectiva. A este último premio poderán optar todas as agrupacións que representen a un colectivo: asociacións, entidades culturais, entre outra.