FERROL360 | Martes 21 xullo 2020 | 09:00
O Concello de Cabanas vén de mudar a súa páxina web apostando por un entorno moito máis limpo, visual e accesible para as personas usuarias, que atoparán unha completa información ademais de poder facer trámites de xeito telemático.
«A nova web permite chegar máis rapidamente á información municipal e aos trámites máis frecuentes, ao tempo que agrupa a información por áreas de goberno de maneira que aparezan todas as novas e información máis frecuente de cada unha delas dunha maneira máis ordenada», explican desde o Concello.
Tamén incorpora información turística, como roteiros no municipio ou unha galería de imaxes para levar a cabo unha completa visita virtual. Adáptase ao soporte elixido para visualizala ofrecendo unha boa experiencia tanto en móbiles, tablets ou ordenadores.
A actualización da web, ubicada no enderezo www.cabanas.gal, é un paso máis na aposta pola transparencia e dixitalización do Concello que puxo en marcha a Área de Innovación Tecnolóxica que dirixe o concelleiro Iago Varela e vén a sumarse ao lanzamento o ano pasado dunha aplicación para a comunicación de incidencias e a retransmisión dos plenos por streaming que se iniciou no mes de xuño.