
FERROL360 | Domingo 9 xuño 2019 | 14:19
O Concello de Pontedeume licitou as obras para a reforma e ampliación da Escola Infantil de Pontedeume, «Chalet Rosa». O proxecto consiste na rehabilitación integral do edificio existente, así como dotalo de maior espazo ao conectalo con outro edificio mediante unha pérgola. Deste xeito, a capacidade do centro gañará 33 prazas, pasando das 41 actuais a 74.
A obra ten un orzamento de 674.000 euros e ten a súa orixe nun convenio de colaboración asinado en novembro do 2016 entre a Xunta e o Concello de Pontedeume.
O rexedor, Bernardo Fernández, asegurou que «os traballos comezarán de inmediato» e que «a licitación das obras é unha gran nova para Pontedeume, despois de moito tempo de xestións e modificacións técnicas do proxecto inicial».
«Os detalles da obra serán explicados polo Concello cos pais e nais dos usuarios da escola infantil nunha reunión que se celebrará nos vindeiros días», afirmou Fernández.
Na reunión, explicarase con detalle todo o relacionado cunha obra na que o Concello aporta 274.000 euros namentres que o resto está subvencionado pola Xunta cunha achega do 80 por cento de fondos Feder cos 400.000 euros restantes.