Publicidad

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre recalan este sábado en Narón

FERROL360 | Xoves 19 decembro 2019 | 10:04

Pandeiretas e adufes son perfectos aliados da copla, gala do xardín encantado da lírica galega como dicía Cabanillas. O último traballo de Xabier Díaz xunto coas Adufeiras de Salitre, un grupo de percusionistas e cantoras de música popular, preséntase como o lugar onde a tradición non esmoreceu, onde queda sitio para o baile e o aturauxo.

Noró é un proxecto preparado para invadir con muiñeiras e pasodobres os teatros e festivais do mundo. Unha revisión actual dun traballo de investigación e recuperación de música da Fonsagrada, Laxe, Nuez de Aliste, Vimianzo ou Quintanilla del Monte. Pezas que conforman o noso ADN musical.

Subiranse ao escenario do Pazo da Cultura de Narón este sábado a partir das 20.00 horas. As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para público xeral e de 6,65 euros para abonados, desempregados ou carne xove ou de estudante, ata 25 anos. Os menores de 14 anos abonarán 5,50 euros.