FERROL360 | Venres 30 marzo 2018 | 14:35
A segunda fase da escavación arqueolóxica que o equipo de Emilio Ramil está a levar a cabo no Campo do Castro, en Cedeira, está a deparar novas sorpresas. A presenza dun pé dunha columna no monumento con forno fai pensar aos expertos que a estrutura tivo unha estancia parcialmente cuberta a modo de soportal.
Se finalmente se confirma, sería unha singularidade máis dun lugar xa relevante por acoller a quinta pedra formosa de Galicia localizada durante os primeiros traballos realizados na zona no mes de decembro. Un forno perfectamente conservado e o acceso ao monumento enlousado son outras das riquezas descubertas nesta nova intervención arqueolóxica financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.
Os traballos, se o tempo o permite, terán finalizado nos primeiros días do próximo mes de abril. O investimento deste proxecto supera os 18.000 euros. O Campo do Castro, situado na zona costeira do Sarridal, constitúe unha evidencia máis da presenza de civilizacións anteriores á romana neste municipio da comarca de Ferrol.
Unhas iniciais sondaxes puxeron sobre a pista aos expertos sobre a posible existencia dun asentamento galaico-romano, unha evidencia que meses despois sería confirmada coa realización da primeira intervención na zona.
Nesa actuación, ademais de moitos restos de cerámica, saíron á luz as estruturas dun complexo arquitectónico vencellado ao mundo castrexo e pensado para tomar baños de vapor e do que formaba parte a pedra formosa.
Un atrio, unha antecámara -na que tamén existe un banco-, unha cámara e a entrada ao forno son outros espazos tamén recuperados e nos que aínda se está a traballar para tratar de extraer toda a información posible. Cunha terceira escavación, financiada polo goberno cedeirense, prevese a posta en valor de todo o monumento para que forme parte da riqueza histórica e monumental de Cedeira.