FERROL360 | Luns 14 maio 2018 | 8:40
O Punto de Atención á Infancia de Valdoviño cumpre o seu primeiro ano de actividad e celebra este aniversario cunha xornada de portas abertas. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, explica que o obxectivo é dar a coñecer as instalacións a toda a veciñanza. Ademais, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitará o centro acompañado do rexidor.
Un centro clave para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias de Valdoviño, permitindo ó Concello fixar poboación. As instalacións están ubicadas nun entorno único como é a zona da praia da Frouxeira e contan no seu interior con dous espazos para o xogo, outro para o descanso, cuartos de baño e cociña.
Complétase cunha zona exterior de xardín con elementos para o xogo e unha pequena horta. O seu funcionamento é de 8.00 a 16.00 horas de luns a venres, pechando no mes de agosto. Ademais da xornada completa hai opción de media xornada en horario de 9.00 a 13.00 horas.
Proporcionaráselles almorzo e merenda, así como o xantar ás crianzas que participen da xornada completa, sendo as familias as encargadas de aportalo. A el acoden a diario 15 nenos e nenas de entre 4 meses e 3 anos e, a día de hoxe, o prazo de preinscrición continúa aberto.
As familias interesadas en dispor do servizo deben presentar a súa solicitude e documentación antes do día 15 no Rexistro Xeral –primeira pranta da casa consistorial-. As fichas de preinscrición poden, así mesmo, descargarse da web municipal.
Concluído o prazo, valoraranse as preinscricións se hai máis demanda que oferta. En caso contrario, todas as solicitudes recibirán o visto bo e o prazo de matrícula abrirase do 1 ó 15 de xuño.