FERROL360 | Venres 1 xuño 2018 | 18:34
Descubrir ou redescubrir un entorno único de Valdoviño como é a paisaxe que envolve ó encoro das Forcadas e, ó mesmo tempo, practicar deporte e favorecer hábitos saudables é a proposta que fai a Concellería de Deportes a nenos e maiores o vindeiro 10 de xuño.
Ese domingo celebrarase a III Volta ás Forcadas. Unha cita deportiva incluída no calendario do terceiro Circuíto Corre polo Norte que o Concello de Valdoviño impulsa xunto ós municipios veciños de Ortigueira, Cedeira, Cariño, Cerdido, Mañón e Moeche.
A inscrición para participar está aberta nesta plataforma e o prazo pecharase o 8 de xuño. A participación dos menores é gratuíta e a cuota para as categorías sénior e veteranos está establecida en catro euros.
A III Volta ás Forcadas dará comezo ás 11.00 horas e punto de partida en Loira. Nela poderán participar nenos e maiores e, segundo a idade, estas son as categorías, con distancias adaptadas a estas: Pitufos; Benxamín; Alevín; Infantil; Cadete; Sénior e Veteranos.
Así mesmo, a modo de andaina está aberta a todas as idades.