Publicidad

Arranca este venres o programa de actos da ‘Recreación das Lendas da Pena Molexa’

FERROL360 | Venres 8 xuño 2018 | 9:52

Xa está aquí unha nova edición da Recreación das Lendas da Pena Molexa, que este ano chega á súa vixésimo primeira. O programa de acto arranca este venres coa Andaina solsticial, a partir das 22.30 horas. Partirá das inmediacións do convento de Baltar e consistirá nun percorrido pola parroquia ata a Pena Molexa. As veciñas e veciños que asistan portarán fachos para alumear o camiño.

Xa o sábado será o tradicional Roteiro cicloturista, tamén pola parroquia do Val e con saída prevista para as 11.00 horas das inmediacións do local social. Os asistentes terán a oportunidade de coñecer o patrimonio material desta parroquia, que integran castros, casas medievais e construcións relixiosas como o convento de Baltar ou a capela de Santa Margarita. O equipo de Educación Viaria de Narón colaborará nesta actividade, tal e como recordou a concelleira de Cultura.

Na xornada do 16 de xuño será a Recreación das Lendas da Pena Molexa, que novamente terá lugar na zona do Castro de Vilasuso, no Val. Para esta xornada, a principal desta celebración, programáronse varias actividades, que comezarán ás 18.00 horas cunha sesión de Xogos tradicionais e Deporte rural.

Máis chegada a noite, a partir das 20.00 horas, actuará o Grupo de gaitas do Padroado da Cultura de Narón e, coincidindo co inicio do apartado musical, haberá unha churrascada popular.

O grupo galego de música tradicional Treixadura dará un concertó a partir das 22.00 horas e ás 00.00, como cada ano, comezará a Recreación das Lendas da Pena Molexa, coa representación protagonizada por alumnado da Escola de Formación de Actrices e Actores do Padroado da Cultura de Narón.

Estas lendas contan a historia dunha moura que se convertiu en rocha nesta zona, nunha noite que coincidía co solsticio de verán. Ás 00.30 horas haberá unha Lumeirada popular.

Finalmente, o día 22 terá lugar na parroquia unha charla-coloquio sobre o Patrimonio material da parroquia do Val, que impartirá o Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga e arqueólogo do Concello de Narón, Andrés Pena.

Desde a AVV ‘Os Irmandiños’ do Val e a edil de Cultura animan á cidadanía a desfrutar en Narón dos actos programados nesas catro xornadas con motivo da Recreación das Lendas da Pena Molexa.