
FERROL360 | Martes 3 xullo 2018 | 14:03
A artista ferrolá Flor Taracido inaugura este martes, 3 de xullo, na Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene a súa nova exposición chamada «Cores. O reflexo da alegría de vivir». A mostra coas creacións da pintora abrirá ás portas ás 20:00 horas nun acto con entrada libre presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa.
A autora dos cadros medrou en ambientes moi creativos xa que provén dunha familia de artistas, principalmente de pintores e fotógrafos. A exposición reúne una serie de cadros nas que se notan os máis de 20 anos de experiencia da pintora que combina diferentes técnicas e estilos: carbonciño, plumilla, pastel, collage e, sobre todo, óleo.
Taracido ten amosado a súa obra en diferentes exposicións, tanto individuais como colectivas, no Pazo da Cultura de Carballo, no Centro Sociocomunitario da Xunta de Galicia en Ferrol, no Casino Ferrolano ou no Exponav-Museo da Construcción Naval de Ferrol.
A colección poderá visitarse de balde de luns a venres en horario de 10:00 a 14:15 horas durante todo o mes de xullo.