FERROL360 | Mércores 25 xullo 2018 | 12:58
Tripulantes da travesía Sail The Way, Navegar por el camino, visitaron Cedeira no seu camiño a Santiago de Compostela. Un total de 25 barcos, catro franceses e 21 nacionais, están a tomar parte nesta navegación, que levará aos seus participantes a cubrir a distancia de 400 millas náuticas que existe entre Hondarribia e Muros.
Desde Muros os navegantes viaxarán en bus e a pé ata a cidade do Apóstolo, pero antes recalaron en Cedeira para coñecer o castelo da Concepción, o xacemento de Punta Sarridal e degustar os produtos gastronómicos máis característicos da localidade.
Tamén tomaron parte do ritual da queimada e no seu derradeiro día na vila tamén visitaron San Andrés de Teixido e admiraron algúns dos cantís máis altos da europa continental. O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, asegurou durante esta visita que o goberno local quere que «Cedeira sexa unha referencia do Camiño de Santiago».
A travesía Sail The Way está organizada por Northmariñas e patrocinada polos gobernos locais e autonómicos de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia, ademais de algunhas empresas. A saída tivo lugar o día 14 de xullo e finalizará o día 29 coa chegada dos participantes a Santiago despois de ter recalado en 11 portos e facer unha ruta a pé duns dez quilómetros.