FERROL360 | Mércores 25 xullo 2018 | 13:25
O Concello de Narón pon a disposición dos visitantes do Oenach Atlántico, que se celebrará desde este venres e ata o domingo, 8.000 metros cadrados de estacionamento para os seus vehículos. Haberá tres zonas para poder aparcar co fin de garantir a seguridade do evento e facilitar a asistencia ao evento.
Desde a Concellería de Seguridade Cidadá e Transporte Público, que dirixe o edil Guillermo Sánchez Fojo, explican que unha parte da zona que habitualmente se destina a estacionamento para a Feira do Trece quedará pechada ao tráfico, e as pistas da zona quedarán tamén pechadas á circulación rodada a partir do venres ao mediodía e ata o domingo ao remate do Oenach Atlántico.
Desde o goberno local especificouse que a maiores da área localizada tralas naves do recinto feiral, tamén se poderá estacionar na zona máis próxima á estrada do Trece á altura do citado recinto e unha parcela de maiores dimensións localizada a escasos metros e propiedade dun particular, que a cedeu para este fin.
O edil de Seguridade Cidadá e Transporte Público agradeceu a colaboración veciñal para facilitar neste caso o estacionamento na zona e incidiu no feito de que «todos os espazos reservados para os vehículos estarán sinalizados e ademais estarán pola zona axentes da Policía Local, e persoal do Speis e de Protección Civil para informar ás persoas que se acheguen ao evento esta fin de semana».
