FERROL360 | Mércores 1 agosto 2018 | 9:02
A corporación municipal de Neda aprobou no pleno desta semana un remanente de tesourería por importe de 250.000 euros e a licitación dos concursos públicos de contratación do Servizo de Axuda a Domicilio e o correspondente ao Servizo de Limpeza de Edificios Públicos, cuxas cuantías son de 837.705, 60 euros e 210.000 euros, respectivamente.
O equipo de goberno destaca o importe superior dun millón de euros que se derivará desta acción de goberno, da mesma maneira que tamén valora os cambios introducidos nas bases para mellorar a prestación dos servizos.
Unha destas consecuencias será a ampliación do Servizo de Axuda a Domicilio durante as fins de semana, xa que «se trata de primar o benestar dos usuarios e o descanso dos seus familiares», salientan desde o equipo de Ángel Alvariño.
En canto á operacion de tesourería, o Concello destinará un total de 180.000 euros a obras de aglomerado na parroquia de Santa María; 40.000 euros á instalación de pavimento de corcho nos parques infantís de Santa María, Principito e Xuvia e 30.000 euros ás obras de canalización e posta en funcionamento do novo abastecemento de auga de Rabadeña.