FERROL360 | Venres 3 agosto 2018 | 9:08
O ciclo de andainas Monumenta divulga que impulsa a Consellería de Cultura chega o vindeiro domingo 12 de agosto a Valdoviño. No municipio está programada a andaina «O oceáno dende a costa de Ángeles Alvariño», Unha proposta para achegarnos á traxectoria da científica ferrolá.
A cita será a partir das 11.00 horas, con punto de partida na praia dos Botes, na costa do Portiño de Meirás. Un percorrido polas penínsulas do Portiño e A Frouxeira con visita ás inmediacións do faro, á punta que leva o mesmo nome e á costa que mira cara ao extenso areal de Valdoviño, que será a última parada.
Unha experiencia diferente de vivir e sentir o patrimonio que contará con Juan López Bedoya, xeógrafo físico e divulgador científico, e Julio Gómez, coordinador de Monumenta, como camiñantes convidados. As prazas están limitadas a 75 e as persoas interesadas en apuntarse deben facelo do 6 ó 10 de agosto nesta web http://monumentagalicia.com.
A admisión será por orde de inscrición e para obter máis información habilitouse o enderezo info@sinsalaudio.org e o teléfono 619 637 211.
Figura de Ángeles Alvariño
A ruta toma o nome de Ángeles Alvariño (1916-2005), serantega e ferrolá, que loitou contra as dificultades de ser científica e muller para converterse nunha das oceanógrafas máis brillantes do país e acadar, desde a súa diáspora norteamericana, unha repercusión internacional sen precedentes.
Na súa prolífica investigación, que comezou en España e proseguiu en Gran Bretaña e Estados Unidos, destacou o estudo do zooplancto e a súa importancia como indicador nos ecosistemas mariños e os caracteres oceanográficos asociados.
A interpretación dos océanos desde a costa de Valdoviño servirá para bosquexar a vida e a obra da oceanógrafa máis importante que deu Galicia. Malia que Ángeles Alvariño desenvolveu a súa investigación no océano, nesta viaxe interpretarase o medio mariño desde o continente centrándose na interacción e na súa importancia.
A biodiversidade, a relación entre a atmosfera, o océano e as actividades diarias, o patrimonio material e inmaterial derivado e a explicación da formación da orixinal paisaxe deste sector da costa galega acompañarán as notas que, sobre a vida e a obra de Ángeles Vilariño, permitirán entender o valor do seu labor científico e o seu afán de superación persoal.
Ambientación musical
Esta andaina, baixo o faro de Valdoviño, contará coa ambientación musical de Ariel Ninas e Anxo Faraldo. Prepararán unha peza a medio camiño entre instalación e concerto, para o que aproveitarán a peculiaridade da sonoridade e a memoria deste lugar.