FERROL360 | Mércores 5 setembro 2018 | 9:25
O Concello de Narón abre o prazo de inscrición nas actividades educativas para mulleres no marco do II Plan de Igualdade de Narón. En total, ofértanse catro cursos para un total de 79 mulleres sobre igualdade por medio da educación; integración e xestión familiar; inicio ás técnicas de confección e coidando á coidadora.
Os tres primeiros diríxense a mulleres desempregadas empadroadas en Narón e de entre 18 e 65 anos, mentres que o último se destina a mulleres coidadoras non profesionais. As sesións desenvolveranse nas instalacións da Casa da Mocidade, na Gándara, no colexio de San Mateo, no Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiros ou no Centro de Formación Irmás Froilaz, tamén na Gándara, en función da modalidade elixida.
O curso de igualdade por medio da educación diríxese a un máximo de vinte alumnas e terá lugar do 1 de outubro ao 27 de xuño. Será os luns, mércores e xoves de 16.30 a 19.30 horas na Casa da Mocidade. As asistentes recibirán formación sobre comunicación lingüística e competencia matemática, educación en igualdade e materias de apoio educativo para Secundaria (eido científico, tecnolóxico e comunicación).
A acción formativa sobre integración e xestión familiar programouse en dúas quendas, de doce mulleres cada unha delas na Casa da Mocidade. Será do 1 de outubro ao 28 de xuño os luns, mércores e venres de 9.30 a 12.30 horas. Tamén haberá sesións no colexio de San Mateo do 2 de outubro ao 27 de xuño os martes e xoves de 9.30 a 12.30. As alumnas recibirán formación sobre educación para a saúde, novas tecnoloxías, educación ambiental, en igualdade e multicultural, entre outras materias.
O curso de inicio ás técnicas de confección impartirase tamen en dúas quendas, para dez mulleres como máximo cada unha delas e en ambos casos no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz. As clases serán do 1 de outubro ao 28 de xuño os luns, mércores e venres de 9.30 a 12.30 ou do 2 de outubro ao 27 de xuño os martes e xoves, de 9.30 a 12.30 horas. As alumnas aprenderán a utilizar a máquina de coser, confección de patróns, cortado de pezas de roupa, técnicas de costura, etc.
Por último, o de coidando á coidadora, que será os venres entre os meses de outubro a xuño, de 16.45 a 18.45 horas, no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, afondará nas técnicas e pautas para axudar a superar o desgaste mental e as cargas emocionais que suón a súa labor.
As persoas interesadas en inscribirse poden facelo no Rexistro municipal do Concello, onde poderán solicitar a instancia oportuna, de luns a venres, entre as 8.30 e as 13.00 horas ou a través da Sede Electrónica do Concello de Narón, ata o vindeiro 21 de setembro.
Para solicitar máis información ao respecto pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1113 ou 1115) ou dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello. No caso dos cursos para mulleres desempregadas, no momento de presentar a solicitude é preciso adxuntar unha copia da tarxeta de demandante de emprego ou do informe de vida laboral.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.