FERROL360 | Mércores 11 setembro 2018 | 9:22
A Xerencia Integrada de Ferrol deu a benvida ós 10 alumnos e alumnas da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela que realizarán as súas materias de práctica clínica na área sanitaria ferrolá durante este curso 2018-2019.
Son a cuarta promoción de alumnos nesta modalidade de formación e realizarán as súas prácticas ata o vindeiro mes de abril. Con esta formación, rematarán os seus créditos para a obtención do título de médico tras superar os exames correspondentes da USC.
Tras cursar as materias de Práctica Clínica en anteriores cursos, onde se achegan á atención hospitalaria e do centro de saúde e adquiren competencias xerais, chega o momento de afondar en competencias máis específicas en cada ámbito, e afianzar os coñecementos máis globais. O obxectivo xeral desta rotación na área sanitaria ferrolá é que os estudantes pasen por áreas específicas durante períodos de tempo concretos.
A organización corresponde ós coordinadores docentes de cada centro seguindo as instrucións e plans de estudo que proveñen da facultade de medicina e odontoloxía, e organízanse quendas para que todo o alumnado pase por diferentes materias clínicas, cirúrxicas, e de servizos centrais, tanto no ámbito hospitalario como nos centros de saúde.
Así, aproxímanse a Medicina Interna, Dixestivo, Cardioloxía, Cirurxía Xeral, Neuroloxía, Traumatoloxía, Xinecoloxía, Pediatría, Psiquiatría, Anestesia, Reumatoloxía, Nefroloxía, Oncoloxía, Neumoloxía, Dermatoloxía, Urxencias e Centros de saúde.
Unha oportunidade de adestramento en competencias que os acompañarán o resto da vida profesional, así coma das habilidades de comunicación co paciente respecto da súa intimidade, e das normas de cortesía e amabilidade que forman parte imprescindible de calquera proceso asistencial na sanidade. Promóvese tamén para que o persoal en formación adquira habilidades para a toma de decisións guiada polos valores éticos.