Ferrol360 | Luns 21 agosto 2017 | 13:37
O Save the Waves Film Festival, o festival de cine de surf máis importante e recoñecido do mundo, chegará este sábado a Valdoviño. As entradas xa están a disposición do público neste enlace e a cita dará comezo ás 17.00 horas na Casa da Cultura, futura sede do Océano Surf Museo.
O cartel do festival incluirá as películas Fishpeople, de Keith Malloy e Under an arctic sky, de Chris Burkard, ademais dunha selección das mellores curtas. O festival é un proxecto cultural impulsado pola ONG estadounidense Save the Waves que, neste 2017, se celebrará tan so en tres cidades europeas: a lusa Ericeira, a capital holandesa Amsterdam e Valdoviño.
Tamén terá como escenarios: Bali, Hawaii, California, Maine, Oregón, Nova Iork ou México, entre outros.
Os fondos recadados cos donativos das entradas, a 5,33 euros cada unha delas, destinaranse integramente ós programas e campañas ambientais de Save the Waves.
A iniciativa, segundo explica o alcalde, Alberto González, forma parte da estratexia do Concello para posicionarse como destino principal do turismo de surf e enmárcase na liña da programación que terá o museo, que abrirá as súas portas despois do verán.