FERROL360 | Venres 13 outubro 2017 | 10:53
O centro social que a Fundaçom Artábria xestiona no barrio ferrolán de Esteiro acolle este venres, dende as 20:00 horas, unha xornada que xirará sobre a situación da muller dentro do mundo musical galego. Unha mostra de ilustracións, unha mesa redonda e, por suposto, un concerto, todo co obxectivo de levar a cabo unha análise do papel feminino neste sector cultural.
A ilustradora e baixista de Zënzär, Laura Romero, será a muller que abra a xornada, inaugurando a súa expo Músicas Galegas Ilustradas, que poderemos visitar ata novembro, e na que repasa a súa interpretación de músicas galegas como De Vacas, Ana Lee, Sés, as Tanxugueiras ou mesmo a cedeiresa Guadi Galego.
A continuación comezará a mesa redonda onde tomará parte a propia Romero, mais tamén María Xosé Silvar Sés, a cantora e presidenta do colectivo Mulleres Galegas Kañeras, Patty Castro, e a traballadora da Sociedade Cooperativa Galega CUNDE, Cecilia Carballido. Leva por título A visibilizaçom da mulher na música galega.
A artista arzuá MJ Pérez será a encargada de pechar a xornada coa súa música, presentando o seu novo traballo Casandra, o primeiro disco de estudo para ela. Será de balde, como o resto das propostas da xornada, que serve ademais para festexar os 19 anos de traxectoria da entidade cultural ferrolá.