Publicidad

Obradoiro gratuíto sobre un servizo responsable de alcohol para os hostaleiros de Cabanas e Pontedeume

FERROL360 | Domingo 19 novembro 2017 | 11:13

Os Concellos de Cabanas e Pontedeume invitan ós hosteleiros e hosteleiras de ambos municipios a tomar parte no obradoiro formativo Servizo Responsable de Bebidas Alcohólicas que se impartirá o vindeiro martes, entre as 17.00 e as 19.00 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume.

No curso abordaranse os métodos de promoción e xestión do negocio que promovan o consumo adecuado e supoñan unha promoción do propio establecemento; os efectos do consumo abusivo de alcohol, falsos mitos relacionados co test de alcoholemia, mestura de bebidas e bebidas ‘intelixentes’ para quitar a borracheira ou reducir a resaca.

Tamén se falará sobre os métodos para recuperar a sobriedade; habilidades sociais para afrontar situacións difíciles, consumo abusivo, menores, ou lexislación referida ó servizo de bebidas alcohólicas, en particular a condicións de admisión, toma de decisións sobre o consumo da clientela ou sobre servir a persoas xa ebrias.

A iniciativa forma parte do programa ‘Ti serves, ti decides’, que impulsan a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta e a Federación Española de Bebidas Espirituosas en colaboración con ambos concellos. E, con el, búscase abordar o abuso de bebidas alcohólicas e a mellora do entorno laboral e empresarial da hostelería.

A participación é gratuíta, pero precísase de inscrición previa no correo servizos.sociais@pontedeume.gal ou no número de teléfono 981 433 288, antes do luns 20 de novembro ás 12.00 horas.