MARTA CORRAL | Ferrol | Sábado 2 decembro 2017 | 21:20
Sendo irmá de gaiteiros, veciña de Canido e scout do Grupo 19 é normal que non lembre a primeira das veces que oín falar de Tonecho, ese que facía as gaitas que entraban na casa e soaban logo dende a xanela parellas á de Carlos Zaera, que tocaba en pé xunto ao limoeiro da traseira da rúa da Estrela, facendo de cada nota unha festa.
Unha festa como a deste sábado, no parque que pola eternidade coñecerase xa como de Antón Varela, Tonecho, o mestre gaiteiro, artesán, compositor e ferrolán que finou o pasado 25 de xullo deixando un grande baleiro e unha fonda pegada na cultura e a sociedade galegas.
Ata Carlos Núñez, quizais un dos nosos músicos máis internacionais, desculpouse por non ter estado hoxe en Canido, como lembrou o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, quen abriu o acto presidido polo rexedor, Jorge Suárez, e parte da familia de Varela. A súa filla Erica -si, a da Polka que rachou fronteiras para formar parte do imaxinario colectivo do folk internacional-, e os seus irmáns, Pepe e Paco.
Basterrechea leu a acta do Concello pola que se acordaba, recollendo a petición da entidade veciñal do barrio, que o parque entre as rúas Maiola e Pérez Parallé levara o nome de Tonecho, non sen antes destacar que esta foi unha das iniciativas populares que máis adhesións e respaldo tiveron na historia dos recoñecementos que brinda o consistorio.
O presidente da asociación veciñal, Roberto Taboada, foi o encargado de facer un percorrido pola vida do mestre Varela, dende antes de que abrira o primeiro obradoiro na rúa San Francisco no ano 79 ata este mesmo mes de xullo, cando marchou o Día da Patria Galega, facendo fincapé en que «a súa gaita sempre soou desinteresadamente», sen reparar en quen organizaba, en calquera evento, alí estaba.
Coa música de Raparigos de fondo, o grupo do que formou parte dende a súa mocidade, Suárez e Erica depositaron flores no monolito que lembra a Tonecho no espazo verde. O primeiro edil, ao que acompañaban representantes de todos os grupos da Corporación municipal, remarcou que esta non era unha homenaxe do Concello, «senón de todo o pobo de Ferrol».
Lamentou que chegara tarde, sen o «ilustre veciño» Tonecho entre nós, «tocando a música da alma da cidade de Ferrol e levándoa fóra das nosas fronteiras», e rematou Suárez aseverando que a vida deste «home de barrio» supuxo un «orgullo para a cidade».

Tomou a palabra Pepe Varela e coas súas verbas, de irmán triste mais á vez orgulloso, fíxonos tragar saliva a máis de un e de unha. «Para nós sempre será Tonecho», comezaba dicindo o xornalista, recoñecendo que «da vértigo» que o nome so seu irmán forme «parte indeleble» da cidade ao carón doutros homes como o segrel Pérez Parallé.
Pero é ese, precisou, un «orgullo humilde», por seren os veciños quen reaccionaron rápido, como se fora algo natural, reivindicando a homenaxe no seu pasamento. Lembrando esa «patria que é a infancia», recoñeceu que «a de Tonecho, coma a de todos nós, é o barrio de Canido e, se me apuras moito, a calle de Insua». Foi, polo tanto, «profeta na súa terra, onde non caben dobreces, onde a distancia é tan curta que todos nos coñecemos».
Proseguiu Pepe Varela asegurando que «Tonecho estivo tocado por un don, o don da música, e a música é o soporte das emocións, dos sentimentos, do íntimo e profundo do ser humano. A música non precisa palabras. A música, parafraseando ao Neruda dos Versos do Capitán, non se detén baixo a ventá, bota a porta abaixo para entrar».
Remataron as súas palabras lembrando aos seus pais, aos «avós de Erica». «Porque sabemos que dende ese lugar da memoria no que agora habitan» sentiranse orgullosos de que un fillo seu «fora quen de ter un espazo público en Canido».