Publicidad

O BNG de Cabanas critica que os orzamentos para 2017 non son os que precisa o municipio

FERROL360 | Domingo 8 xaneiro 2017 | 12:44

Os orzamentos para 2017 aprobados o pasado 31 de decembro polo pleno de Cabanas non son os que precisa o municipio, en opinión do BNG, e por iso o grupo votou en contra das contas municipais. Consideran os nacionalistas que «estes orzamentos presentan un gasto corrente absolutamente desproporcionado» mentres que a inversión en medidas de carácter social «segue a ser irrisoria».

Critican desde o Bloque o gasto en alumeado e recollida e tratamento de lixo, que supón case o 20 % do total do orzamento. Mentres que só destina 3.600 euros, nun orzamento de 2,7 millóns, a Servizos Sociais, e segue sen haber medidas de fomento do emprego, lamentan os nacionalistas.

«Non sabemos como o alcalde pode dicir que estes son os mellores orzamentos posibles cando só destina 100 euros ao ano a axudas para pagar recibos para persoas necesitadas», afirma o voceiro municipal nacionalista Iago Varela, que engade que «con eses 100 euros a repartir entre todas as persoas que o necesitan non dá nin para tres días de auga ao ano por cabeza».

Ademais, entende Varela que os orzamentos presentan importantes defectos, cunha previsión de ingresos «desequilibrada e irreal», que nalgunhas partidas está «totalmente inchada, mentres que noutras queda moi por debaixo do que se vén recadando».

En canto á segunda fase das obras do Penso e ás indemnizacións para os veciños, o BNG critica estes aínda non cobraron as da primeira fase. Tamén denuncia que o goberno municipal exclúe conscientemente o Plan Único da Deputación para traballar mediante modificativos.

Falta de diálogo

Quéixanse desde o BNG das «presas, o escurantismo e a falta de diálogo» para aprobar os orzamentos, xa que os grupos políticos tiveron acceso á documentación o día 23 de decembro para ser aprobados o 31. Con todo, Varela indica que o BNG presentou as súas propostas e o alcalde rexeitounas todas en comisión.

Así, os nacionalistas presentaron unha serie de emendas, baseadas nas propostas feitas pola veciñanza, para cambiar o destino de 77.000 euros e priorizar os servizos sociais, a promoción económica e o emprego, o aforro de cartos malgastados e algunhas obras importantes.

Así, propoñen aumentar en 27.000 euros a partida de Servizos Sociais, sumando 10.000 euros ás axudas directas e 17.000 euros ao pago de recibos e aumentando tamén o ámbito desta última para que cubra tamén os recibos de electricidade. Ademais, o BNG quere destinar 20.000 euros máis á rehabilitación da Escola Laica e 5.000 euros máis ao Pavillón de Lavandeira.

Tamén pretenden adicar 10.000 euros a un plan de emprego xuvenil para que a mocidade non teña que emigrar, 5.000 euros a promover a Feira do 21 como un espazo para xerar actividade económica na vila, e outros 10.000 euros para un estudo de aforro enerxético que permita que o concello aforre na factura da luz e que eses cartos se poidan dedicar a outras cousas en anos vindeiros.

Estas enmendas, indican desde o BNG, foron rexeitadas cos votos en contra de PP e AEC e a abstención do PSOE. «O goberno municipal, e o PSOE, con esa abstención que non entendemos, perderon unha oportunidade de facer algo mellores uns orzamentos antisociais e que non solucionan os problemas da veciñanza de Cabanas», declarou Varela.