Publicidad

A CIG convoca unha manifestación nacional pola defensa das pensións

MARTA CORRAL | Ferrol | Xoves 26 xaneiro 2017 | 9:54

Dentro da campaña Recuperemos os nosos dereitos! que a Conferencia Intersindical Galega (CIG) leva a cabo en toda Galicia para reivindicar a necesidade de derrogar as reformas laborais, os recortes na cobertura social ou a chamada Lei Mordaza, o sindicato enmarca unha nova loita para que as pensións sexan consideradas coma un dereito fundamental e garantidas polo Estado.

Un dos voceiros do sindicato nacionalista na comarca, Manel Grandal, comparecía este mércores xunto a outra das caras visibles da CIG en Ferrol, Ramón Alfonzo, para darlle pulo ás dúas iniciativas que promoven para os vindeiros días co obxectivo de defender que «o sistema público de pensións é sostible» e reivindicar o «traspaso das competencias do réxime económico da Seguridade Social á Xunta».

Este mesmo xoves, dende as 19:00 horas no centro cultural Carvalho Calero no Inferniño con entrada libre, haberá un faladoiro dirixido polo representante da CIG no Consello Económico Social do Estado, Lois Burgos, para analizar polo miúdo os números do sistema das pensións, posto que «sempre falamos dos gastos, pero non se incide nos ingresos, que é o fundamental», explicou Grandal.

Xa o sábado, ás 12:00 horas na Alameda de Compostela, sairá unha manifestación nacional. A delegación ferrolá da CIG porá buses de balde ás 10:00 horas con saída de Esteiro e parada en Caranza, Fene e Vilar do Colo. Cómpre inscribirse no teléfono 981 35 87 50.

Unha vella reclamación

A CIG pon enriba da mesa unha «vella reclamación», que non é outra que o traspaso das competencias en materia de economía da Seguridade Social ao Goberno galego porque, aseguran, «Feijóo di que somos un país dependente e non é así».

Critican a «re centralización» que se está a aplicar, favorecendo a cotización en Madrid, e tamén a «descapitalización» das pensións «en favor dos empresarios» que «non serve para crear emprego senón para que haxa menos ingresos». Ademais, afondan, todas estas políticas favorecen «a contratación dos plans privados».

Reivindicación do 10 de marzal

O día da Clase Obreira Galega servirá tamén para darlle continuidade á reclamación das melloras en materia de pensións, adiantou Grandal, para «acumular forzas» porque, sostén, «é o momento de mudar a lexislación ao non haber no Congreso maiorías absolutas».

Explicou o voceiro que pretenden «mobilizar á clase traballadora» ate chegar, se fora preciso, a unha folga xeral no conxunto do Estado, «que obrigue ao PP a dar marcha atrás nas súas políticas neoliberais suicidas para os traballadores e traballadoras», concluíu.