Publicidad

Uns 600 alumnos de centros de ensino de Narón participan nos obradoiros de Educación en Igualdade

FERROL360 | Luns 6 febreiro 2017 | 10:19

Un total de 592 alumnos de primeiro e terceiro curso de ESO e cuarto de educación Primaria de centros de ensino de Narón participan en obradoiros de Micromachismos, Corresponsabilidade e Coeducación impulsados desde a Concellería de Igualdade.

A edil responsable da área, Teresa Sabio, explicou que a iniciativa, enmarcada no ‘I Plan Municipal de Igualdade do Concello de Narón’, encamíñase «á erradicación de estereotipos de xénero, permitindo ademais avanzar cos rapaces e rapazas aos que se dirixe a proposta, cara á igualdade e a corresponsabilidade».

As sesións, iniciadas xa nalgúns centros, desenvolveranse ata finais do presente curso escolar, «donde persoal especializado nas diferentes materias realizará diversas actividades co alumnado na procura da tan necesaria igualdade social entre homes e mulleres», salientou Sabio.

A responsable do departamento engadiu que «con este tipo de actividades apostamos por traballar na área da educación en materia de Igualdade, e cos nenos e nenas desde a súa etapa escolar, porque xogan un papel fundamental á hora da divulgación dunha serie de valores entre a sociedade encamiñados á consecución dunha igualdade, que aínda non existe entre homes e mulleres».