Publicidad

Nova edición do concurso da Deputación «Quero cantar», que amplía a idade de participación

FERROL360 | Luns 6 marzo 2017 | 10:43

Co cantarines que somos por estos lares, de seguro que hai varios grupos de cativos que estaban desexando que a Deputación da Coruña convocara unha nova edición do concurso «Quero cantar». Unha edición que trae sorpresas porque desta volta poderán participar grupos de rapaces de 13 a 16 anos e os propios centros de ensino escollerán os grupos finalistas a través dunha votación.

Este certame busca promover o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical entre os máis mozos. Nesta segunda edición presenta dúas modalidades: unha para infantil para nenas e nenos de ata 12 anos e outra para xuvenil para unha idade comprendida entre os 13 aos 16 anos.

Na categoría infantil poden participar dúas persoas que superen o límite de idade e, na xuvenil, permítese que tamén dúas persoas saian do límite tanto superior como do inferior da idade do grupo. En todo caso, o número de persoas exentas deben ser menos da metade dos membros totais e non poden ser as voces solistas, nin formar parte do coro se este fose o intérprete principal do tema.

Poderán inscribirse grupos musicais formados por un máximo de doce compoñentes. As cancións terán que ser en galego e os grupos deberán enviar unha maqueta en formato audiovisual ou só audio con música orixinal e inédita que non fora difundida.

Os grupos deben presentar a solicitude no modelo normalizado que se obtén na web da Deputación e na do propio concurso, ou no Rexistro Xeral da Deputación achegando a maqueta da composición, a relación de compoñentes do grupo, a descrición das necesidades técnicas e de escenario, a breve biografía do grupo e o documento de aceptación das bases do concurso.

O prazo remata o 20 de xuño e as bases completas pódense consultar nesta web. A nova edición rexistra tamén un aumento da contía dos premios que consistirán en 1.500, 1.000 e 500 euros en material escolar ou produtos culturais en galego para 1º, 2º e 3º de ambas as categorías, respectivamente.