FERROL360 | Luns 15 maio 2017 | 10:43
N de Narón, a festa das Letras é a proposta coa que o Concello de Narón conmemorará o Día das Letras Galegas este martes e mércores. A programación inclúe un Concerto de Caxade, o espectáculo Brinca Vai!, unha representación a cargo de Teatro Ghazafelhos e DJ infantil. Os actos terán lugar baixo unha gran carpa que se ubicará na Praza da Lectura, en Santa Icía.
O concerto de Caxade abrirá o programa este martes, ás 21:30 horas. O galego Alonso Caxade e a súa banda estarán en Narón para interpretar un completo repertorio musical cargado de pop-folk e con temas nos que tamén se misturan outros estilos.
O propio Día das Letras Galegas, o mércores 17 de maio, a compañía Teatro Ghazafelhos porá en escea a obra O vendedor de fume, a partires das 11:30 horas. Este espectáculo, cargado de humor, conta a historia dun vendedor de remedios que chega a unha vila e os oferta á veciñanza para curar males, axudado por uns pícaros cómplices que estarán entre o público.
A sesión de DJ infantil, a cargo de Picadiscos María Faltri, comezará ás 12:30 horas cunha escolma da mellor música infantil galega. Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas dará comezo o espectáculo Brinca Vai!, con Paco Nogueiras. O protagonista amosará ao público un amplo abano de estilos musicais, todos eles con marcadas influencias tradicionais galegas.
O broche de ouro chegará ás 19:00 horas co espectáculo músico-teatral Fantasía con palabras, de María Faltri e Jorge Juncal. O abecedario estará moi presente nas diferentes escenas e cancións, con versos cheos de fantasía. Este espectáculo baséase no libro Fantasía coas palabras, publicado pola editorial Galaxia.
Ademais, as persoas que se acheguen á Praza da Lectura terán a oportunidade de visitar e participar nun espazo de lectura que se habilitará baixo unha segunda carpa, con obras de Carlos Casares e tamén doutros autores homenaxeados en anteriores anos con motivo do Día das Letras Galegas.
O Padroado da Cultura de Narón e as Concellerías de Ensino e Bibliotecas, e Festas, colaboraron no deseño desta programación.