Publicidad

Eliximos Narón quere que se utilice aluminio en vez de cobre nas redes de alumeado público

FERROL360 | Domingo 10 xaneiro 2016 | 16:56

Os roubos de cable de cobre nas redes de alumeado público é un problema constante e custoso para as arcas dos Concellos. Co obxectivo de reducir ese custe, Eliximos Narón propuxo, mediante unha moción, instar á Xunta e ao Ministerio de Industria a cambiar a normativa para empregar aluminio en vez de cobre nas redes de alumeado público.

O grupo explica que «as instalacións con cable de aluminio xa son unha realidade dende hai décadas para todo tipo de tensións». Aínda que recoñecen que o tratamento é diferente polas características do material, aseguran que «son de uso moi estendido principalmente por ser mais económicas que as de cobre».

Eliximos Narón lamenta a negativa do goberno local de apoiar esta solicitude, que «non supón custe nin compromiso ningún para o Concello nin para os veciños, só supón unha posibilidade mais á hora de facer as instalacións», advirten desde o grupo.

Neste senso, Eliximos Narón critica que o goberno limita «a posibilidade de evitar os roubos e tamén que os naroneses paguen dúas veces máis polas obras de nova instalación ou reposición».

Así, pregúntase «cales son os intereses que está a defender o tripartito naronés» porque a reposición do cableado só se traduce «en beneficio industrial das empresas instaladoras».