Publicidad

As entidades de San Sadurniño xa poden solicitar as axudas para a organización de actividades

FERROL360 | Luns 25 xaneiro 2016 | 16:45

Coa publicación das bases no Boletín Oficial da Provincial, as entidades culturais e deportivas de San Sadurniño xa poder solicitar as axudas para organizar actividades no municipio. As subvencións abranguen tamén o mantemento das instalacións daquelas asociacións que dispoñan de local en propiedade.

O Concello reservou un total de 24.000 euros para esta convocatoria e as asociacións teñen ata o 25 de febreiro para presentar as súas solicitudes. A partida total do Concello ascende a 62.000 euros, xa que ademais desta convocatoria subscribiranse convenios puntuais con distintas asociacións e clubs.

Para actividades culturais destinarase 19.000 euros divididos en tres partidas: 14.000 para actividades, cun máximo 4.000 euros de axuda, 2.000 para mantemento dos locais propios ou en alugueiro das entidades e, por último, 3.000 euros para as comisións de festas cun tope de 300 euros por cada unha.

Xustificación das axudas

As entidades terán que presentar unha memoria valorada de todas as actividades previstas para este ano, que despois serán avaliadas de acordo con 11 criterios de puntuación acumulativa.

A xustificación das axudas concedidas deberá presentarse antes do 30 de novembro, aínda que hai posibilidade de solicitar unha prórroga no caso de que as actividades programadas sexan posteriores a esa data.

Trala resolución da concesión e despois de executar as actividades, as asociacións terán que presentar facturas oficiais que sumen o total da cantidade concedida máis o 20 % do importe total que se solicitou como axuda. Existe a posibilidade de presentar como gastos en equipamento e infraestrutura ata un 25 % do total subvencionado.

Entidades deportivas

No caso das axudas a entidades deportivas o importe total é de 5.000 euros. Iso si, varios clubs terán convenio propio e polo tanto non entrarán na convocatoria. É o caso do Aldebarán de volei, que recibirá 18.000 euros, o C.F. San Sadurniño, con 12.000, o Clube ciclista Biela e Chaveta e a asociación Brío, que percibirá 1.000 euros cada un.

Segundo as bases serán subvencionables os gastos correntes de funcionamento e a participación en campionatos deportivos, tales como fichas, desprazamentos, arbitraxes, rehabilitación de lesións, compra de material, etc. agás a merca de bens inmobles ou inventariables e os que teñan a consideración de investimentos (ordenadores, vehículos, maquinaria, etc.).

Criterios

Valoraranse o número de fichas, o número de categorías, a titulariedade de instalacións, a aplicación práctica da igualdade de xénero, presenza feminina entre deportistas, equipo técnico e cargos directivos, e a colaboración co Concello no desenvolvemento de actividades municipais.

Os clubs terán que xustificar con facturas oficiais polo menos o importe da subvención concedida. A xustificación deberá presentarse, como moi tarde, o 30 de novembro a menos que se pedise formalmente unha prórroga.

As comisións de festas poderán facer a solicitude durante o ano, aínda que sempre con 30 días de antelación con respecto á festa que vaian organizar. As bases e as follas de solicitude destas subvencións están dispoñibles na web municipal.

En referenza ás axudas para entidades hai que ter en conta que, a maiores, o Concello tamén reservou nos orzamentos unha partida de 38.000 euros que se distribuirán a través de convenios do seguinte xeito: 4.000 euros para a ANPA do CPI, 500 para a AGFA do Eume, que xestiona a horta de froiteiras do país, e 1.500 para a AGA.