FERROL360 | Domingo 31 xaneiro 2016 | 12:00
O pemento do Couto será protagonista, xunto coas algas e ourizos, os pinchos irmandiños, as filloas e oqueixo de Arzúa, entre outros, do stand da Deputación da Coruña no Xantar, o XVII Salón Internacional de Turismo Gastronómico. Unha cita que terá lugar en Ourense do 3 ao 7 de febreiro.
Ao longo dos cinco días que dura o encontro gastronómico, o stand da Deputación acollerá degustacións, presentacións e experiencias cos máis saborosos e característicos produtos dos distintos concellos da provincia.
«Apostamos por un turismo de calidade e diferenciado e a gastronomía é un interesante atractivo para promocionar os distintos destinos da provincia», destaca Xosé Regueira, responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña.
Showcooking, degustacións e promocións particulares de produtos son algunhas das propostas que a Deputación inclúe no programa oficial de Xantar para promocionar as distintas propostas gastronómicas de calidade dos concellos da provincia.
As festas, programas e feiras gastronómicos serán tamén protagonistas desta mostra, que é xa referencia no turismo gastronómico. O obxectivo do Salón é mostrar a calidade dos produtos e a rica oferta gastronómica da Comunidade.