Publicidad

San Sadurniño renovará o alumeado público con dispositivos LED

FERROL360 | Martes 16 febreiro 2016 | 20:04

El Concello de San Sadurniño financiará con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental a renovación do alumeado público na principal vía que cruza o centro urbano municipal, investindo case 37.000 euros na substitución das vellas lámpadas de descarga por outras máis luminosas e máis eficientes.

A actuación arrancará preto do límite con Narón e estenderase ata a saída do casco urbano, no lugar do Outeiro, substituíndo as lámpadas de descarga instaladas hai case trinta anos pola moderna tecnoloxía LED, instalando un total de 87 dispositivos, o que permitirá rebaixar o consumo eléctrico nese tendido en case un 43 % segundo o Concello.

Os fustes dos farois manteranse e só cambiarán as lámpadas e o sistema de control do sistema. O novo alumeado terá a mesma distribución que o actual e o que se redistribuirá será a potencia instalada en cada zona, asegurando un bo nivel medio de luz e unha distribución máis uniforme.

O Fondo de Compensación Ambiental é unha partida económica que se distribúe entre aqueles concellos que teñen parques eólicos no seu territorio. Os cartos proveñen do que lle pagan as eléctricas á Xunta por cada muíño de vento instalado e debe reinvestirse en actuacións para beneficio público. A San Sadurniño correspondéronlle no prorrateo deste ano un total de 36.988,98 euros, que se investirán na súa totalidade nesta renovación do alumeado.

A iniciativa forma parte do programa municipal de aforro enerxético aplicado ás infraestruturas públicas, co que se busca reducir o capítulo de gasto corrente por medio da optimización dos consumos tanto en alumeados públicos como noutras instalacións e equipamentos de titularidade municipal.