
FERROL360 | Sábado 5 marzo 2016 | 19:09
Dúas Contadas Infantís serviron de despedida para o Festival Internacional de Narración Oral Conta con Narón, promovido polo Concello naronés. Estas citas tiveron lugar ao mediodía deste sábado tanto no Centro Cívico Social de Xuvia como na Biblioteca Municipal do Alto do Castiñeiro e correron a cargo de Nelson Calderón e de Paula Carballeira, respectivamente.
Marián Ferreiro, concelleira de Cultura, gabou a resposta do público á iniciativa, da que gozaron este sábado máis dun cento de persoas, tanto menores como adultos. Quico Cadaval e Boniface Ofogo foron os outros dous convidados á proposta, protagonizando todos eles unha Contada Colectiva previa no Auditorio Municipal da praza de Galicia este mesmo venres.
Igualmente, o xoves foi Calderón quen estreou o ciclo no Café Teatro do Pazo da Cultura. Ferreiro afirma que tamén tiveron boa acollida as sesións celebradas nos colexios da Gándara, A Solaina e O Feal. Agradeceu a colaboración destes centros, do seu alumnado e dos asistentes ás contadas destes días.