FERROL360 | Martes 8 marzo 2016 | 9:01
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ferrol participou este luns en Santiago na entrega dos Premios Coopera Galicia de Entidades Locais 2015, que nesta ocasión recoñeceu o traballo da Casa de Acollida de Ferrol, galardoada co segundo premio.
No acto participou o alcalde de Narón, José Manuel Blanco, como vicepresidente da Mancomunidade, e a tenente de Alcalde de Ferrol e concelleira de Benestar e Muller, Beatriz Sestayo, xunto con outros alcaldes e representantes municipais dos Concellos integrantes da Mancomunidade.
O galardón concedido pola Xunta, dotado con 25.000 euros, recoñece o proxecto de reforma da Casa de Acollida para unha xestión compartida entre os nove municipios da Mancomunidade.
A Casa de Acollida foi o primeiro centro destas características de Galicia e comezou a súa andaina no ano 1986, sendo no ano 2000, tras a regulación a nivel autonómico, cando quedou rexistrada como entidade prestadora de servizos sociais.
Entre os anos 2009 e 2015 un total de 213 persoas -115 mulleres e 98 menores- foron asistidos nas súas instalacións. O 38% eran de Ferrol e o resto doutros Concellos ou incluso Comunidades Autónomas.
Servizos
Dende a Casa de Acollida de mulleres en situación de violencia de xénero do Concello de Ferrol estase a prestar un servizo de atención dirixido ás mulleres que sofren violencia e precisan dun tempo e un espazo para esclarecer a súa situación, onde poder valorar alternativas á mesma e iniciar un proxecto de vida independente á marxe dos seus agresores.
É importante lembrar que a atención no centro non se circunscribe en exclusiva ás mulleres senón tamén ás e ós menores que se atopan ao seu cargo, vítimas directas e invisibles na maioría dos casos da situación de violencia de xénero vivida no seu fogar, o que fai que practicamente se duplique o número de persoas atendidas.